Mobilizacións simultáneas en Monforte e Barcelona pola reposición dos trens-hotel

Rosana Prieto, responsábel da formación nacionalista nas comarcas de Lemos, Chantada, Quiroga definiu como “esencial” este servizo para unha poboación de concellos eminentemente rurais que adoitaban facer uso del.
Á esquerda concentración en Monforte e á dereita en Barcelona, aimultáneas para reclamar os trens nocturnos entre os dous países (Foto: Nós Diario).
photo_camera Á esquerda concentración en Monforte e á dereita en Barcelona, aimultáneas para reclamar os trens nocturnos entre os dous países (Foto: Nós Diario).

O Bloque Nacionalista Galego mobilizouse esta quinta feira de modo simultáneo en Monforte de Lemos e Barcelona en protesta para a reposición dos trens nocturnos que conectan Galiza e Catalunya, eliminados durante a pandemia.

Unha protesta na que participou o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que ten levado en varias ocasións esta problemática á Cámara Baixa para exixir ao Goberno do Estado a reposición deste servizo.

Un servizo que Rosana Prieto, responsábel da formación nacionalista nas comarcas de Lemos, Chantada, Quiroga definiu como “esencial” para unha poboación de concellos eminentemente rurais que adoitaban facer uso do servizo.

Desde o Bloque insisten na “necesidade da recuperación de liñas e frecuencias ferroviarias nunha cidade e comarca que teceu a súa historia ao redor da industria ferroviaria, e que asiste estupefacta ao desmantelamento deste transporte na que aínda é capital ferroviaria da Galiza”.

Resposta do Estado

Na pregunta presentada ao Goberno español por parte de Rego no Congreso o pasado mes de outubro, O Estado indicou que “están restituídos case todos os servizos ferroviarios anteriores á crise sanitaria”, mais apunta que “deben ser servizos sostíbeis por si mesmos xa que non reciben axuda pública”, polo que xustifican a súa supresión.

A mellora dos servizos ferroviarios é unha das reclamacións do BNG no Congreso, segundo apuntan. Así, Rego ten exixido en múltiples ocasións a mellora deste servizo “de vital importancia para o pobo galego”.

Unha das últimas ocasións foi o pasado 13 de decembro cando interpelou o novo ministro de Transportes e Mobilidade Sustentábel, Óscar Puente para lle pedir que garanta “solucións e medidas que terminen coas continuas demoras, incidencias, avarías, falta de maquinistas e problemas nas conexións ferroviarias na Galiza”.

Comentarios