O BNG lamenta que a Xunta non responda con firmeza ás “indemnizacións irregulares” en varios concellos

Luís Bará demandou medidas preventivas para velar pola exemplaridade e exixiu transparencia e “contas claras” sen poñer trabas ao Consello de Contas.

O deputado do BNG, Luís Bará (Foto: Nós Diario).
photo_camera O deputado do BNG, Luís Bará (Foto: Nós Diario).

A través dunha pregunta parlamentaria ao Goberno galego, o deputado do BNG, Luís Bará, lamentou que a Xunta “non reprobe con contundencia” as irregularidade detectadas no informe do Consello de Contas por cobros indebidos por parte de representantes políticos nos concellos de Valga, Catoira, Vilasantar e Trazo. O parlamentario exixiu “transparencia e rigor” e deixar de poñer trabas ao Consello de Contas no seu labor de fiscalización.

Na súa intervención, afirmou que o último informe do mes de marzo do Consello de Contas confirma o cobro de dietas e indemnizacións “sen xustificar” nalgúns concellos. Bará explicou que este organismo non ten capacidade sancionadora pero si de velar pola “eficacia e legalidade”. A Xunta, engadiu, “ten a obriga, xunto ás administracións locais de velar pola exemplaridade” e unha función preventiva para evitar “prácticas ilegais”.

Gastos non xustificados

O informe, dixo Bará, detecta “irregularidades” nos Concellos de Trazo, Catoira, Vilasantar e Valga co “cobro de indemnizacións por asistencia, desprazamento e gastos de representación non debidamente xustificados”. Nos Concellos de Vilasantar e Trazo “o cobro está relacionados con comidas e desprazamentos mais a situación no Concello de Valga representa un caso diferente porque incorre en circunstancias moi graves”, engadiu.

O deputado afirmou que “as trampas nunca son tolerábeis, tanto no fondo como na forma e dentro das formas están a colaboración e o respecto polo labor de control do Consello de Contas”. A este respecto, algunhas actuacións do Concello de Valga e a súa Alcaldía, afirmou, resultan “lamentábeis e condenábeis”.

En primeiro lugar, sinalou Bará, as referidas “ás propias irregularidades detectadas polo Consello de Contas no seu informe e, en segundo lugar, pola falta de colaboración e obstrucionismo do Concello co retraso do envío da documentación, a pesar dos diversos requirimentos”. A xuízo do nacionalista, a actitude do alcalde e o Concello constata o “uso partidista” da Administración local e unha Alcaldía “desafiante, manipuladora e desobediente”.

A investigación do Concello de Valga foi iniciada no ano 2021 sobre as percepcións do interventor e secretario sobre gastos de desprazamentos e manutención durante os anos 2017 a 2021 e o cobro por parte de concelleiros e concelleiras por asistir a unha reunión na Comisión de Coordinación con asignacións estabelecidas en 1991, un órgano creado ad hoc e fóra da lei. As reunións da comisión non contaban con ningunha persoa funcionaria para dar contas do seu contido como reflicte o informe do Consello de Contas.

“O alcalde de Valga minte e falta ao respecto ás institucións”

A alcaldía de Valga “ademais de obstruír o labor do Consello de Contas tamén manipula o propio informe utilizando as institucións públicas, medios de comunicación públicos e mesmo a páxina web do Concello co fin de atacar e insultar ás outras forzas políticas”, explicou o deputado nacionalista.

“Desde unha actitude desafiante e chulesca, o alcalde chega mesmo a pedir que o Consello de Contas rectifique”, sinalou Bará. “Este proceder é impresentábel”, engadiu o nacionalista, que preguntou ao director xeral de Simplificación Administrativa, Jesús Oitaven, que previsión ten a Xunta ante esta actitude de “falta de respecto” e que  medidas vai a adoptar a Xunta para “garantir o cumprimento da lei e a exemplaridade das administracións públicas”.

Pola súa parte, Jesús Oitavén respondeu ao nacionalista que a Xunta non é responsábel do funcionamento das administracións locais, ao que o deputado replicou que o BNG non preguntou por este aspecto. Desde o BNG, dixo, “pedimos explicación sobre unha serie de irregularidades detectadas polo Consello de Contas e unhas prácticas que entendemos son irregulares”.

“A Xunta debe intervir para eliminar estas prácticas e debe pronunciarse sobre se está disposta a cumprir a legalidade nestes concellos e valorar o informe do Consello de Contas, á marxe das responsabilidades penais”, proseguiu Bará.

Por outra parte, lembrou que a recomendación do Consello de Contas sobre a Comisión de Coordinación debe suxeitarse ao marco xurídico vixente, “porque o Concello de Valga persiste en incumprir a Lei”. O deputado rematou a súa intervención reclamando ás administracións públicas “transparencia e contas claras para que non se repitan situacións que raian a corrupción”.

Comentarios