Luís Bará: "O PP é o herdeiro da ideoloxía reacionaria e antigalega que lle deu cobertura ao franquismo

Do 2005 ao 2009 a recuperación da memoria entrou na axenda da Xunta. A Consellaría de Cultura desenvolveu un amplo programa que inauguraba unha política pública da memoria na Galiza. Á fronte del estaba Luís Bará, concelleiro hoxe en Pontevedra, que impulsa agora o programa “Represaliadas e resistentes”. Fálanos do que significou a loita contra o esquecemento desde o goberno galego e a intención do PP de borrar tamén o traballo institucional desenvolvido.  Imaxe capa: Pontevedraviva

Luis Bará
photo_camera Luis Bará

Desde o goberno municipal do Concello de Pontevedra do que forma parte, Luís Bará é un dos promotores do programa “Represaliadas e resistentes”, unha liña de actuación que quere recuperar a memoria das mulleres que defenderon a liberdade e sobre a que o franquismo exerceu unha dura represión. Como Director Xeral de Cultura do ano 2005 ao 2009, da man de Luís Bará a recuperación da memoria entrou na axenda da Xunta e desde o seu departamento desenvolveuse unha continuada liña de actuación destinada a investigar, difundir e homenaxear co fin de poñer fin ao silenzo sobre a nosa historia. Co PP no goberno esfarelouse o compromiso da Xunta coas políticas públicas da memoria e, de novo, o esquecemento volveu imperar en San Caetano. Luís Bará fálanos do programa que enceta o Concello de Pontevedra, do que significou a recuperación da memoria histórica co BNG na Consellaría de Cultura mais do papel do PP á hora de seren cumplices do esquecemento.  

-Que razóns levan ao concello de Pontevedra a iniciar un programa arredor da memoria das mulleres que inclúe un simposio da recuperación do seu papel na resistencia contra o franquismo? 

Pensamos qeu logo do inxente traballo desenvolvido entre 2005 e 2009, desde o goberno da Xunta e desde o movemento asociativo, o goberno do PP decretou un novo tempo de silencio a respecto da represión franquista. Propuxo de novo o esquecemento, a ocultación, o agravio á memoria das vítimas. Na Xunta e nos concellos intentan borrar os cambios democráticos e éticos impulsados e mesmo chegan a anular, violentando a lei, a eliminación de simboloxía e nomes de rúas franquistas. Non podemos deixarlle o monopolio deste espazo, desas decisións, por iso seguimos na liña que caracterizou ao goberno municipal de Pontevedra desde 1999: a necesidade dunha resposta ética e democrática que poña en valor a achega de tantas persoas que sufriron a represión do franquismo e que loitaron pola liberdade e polo dereitos de Galiza. E ao mesmo tempo, manter viva a condena e a denuncia dese tempo atroz e da non menos atroz actitude da dereita que silencia ás vítimas e perpetúa a memoria do franquismo. Aí está por exemplo a negativa a condenar a Ditadura, contravindo a lei e os máis elementais principios éticos e democráticos. Acaso isto non é apoloxía do terrorismo?

-A chegada do PP ao goberno significou o fin da recuperación da memoria na Xunta que vostede desenvolvera desde a Dirección Xeral de Cultura. Que razóns cre que existe para que se borrara todo tipo políticas públicas da memoria?

O PP é o herdeiro e continuador da ideoloxía reacionaria e antigalega que lle deu cobertura ao franquismo. A nivel persoal son tamén os herdeiros biolóxicos da xerarquía política e económica que gobernou na Ditadura. No Estado español e en Galiza, os grandes poderes (económicos, xudiciais, institucionais, mediáticos) seguen aínda copados por elementos de orixe e ideario franquista. Eses poderes perpetuáronse pola grande estafa da transición, na que claudicaron as forzas políticas estatais como o PSOE e o PCE. Isto explica tamén a falta de decisión do PSOE para encarar a cuestión cando tivo responsabilidades de goberno, tanto na etapa de Felipe González coma na de Zapatero. A maioría absoluta e a presión deses sectores reaccionarios deulle ao PP argumentos para recuperar o seu ideario franquista no tema da memoria histórica, na recentralización do Estado, na contrarreforma antigalega, antisocial e procatólica do Ensino, na regresión a respecto da lexislación sobre o aborto, etc.

"Na Xunta e nos concellos intentan borrar os cambios democráticos e éticos impulsados e mesmo chegan a anular, violentando a lei, a eliminación de simboloxía e nomes de rúas franquistas".

-O 2006 declarárase o Ano da Memoria, que supuxo aquela primeira decisión tomada polo goberno bipartito no seu primeiro consello?

Foi moi importante polo simbolismo que ten que o goberno galego, por primeira vez, se comprometese de maneria decidida na rehabilitación social, na investigación histórica e no recoñecemento das vítimas do franquismo. Por primera vez na historia da autonomía, comezáronse a desenvolver políticas públicas da memoria histórica, e aínda que só fose pola satisfacción e o orgullo que supuxo para miles de familiares xa tería sentido. Ademais, o feito de que a primeira declaración institucional do goberno, con motivo do Día da Galiza Mártir do ano 2005, estivese dedicada á memoria das v

itimas galegas da Ditadura e á rehabilitación da figura de Alexandre Bóveda foi toda unha declaración de principios que despois se viu respaldada por un traballo sistemático impulsado fundamentalmente pola Consellaría de Cultura e polo tecido asociativo.

-Por vez primeira, desde a Xunta se desenvolveu un amplo programa para recuperar a memoria histórica. En que consistiu esa liña de actuación que botaron a andar setenta anos despois do golpe militar?

Todo comezou coa visita á Illa de San Simón en setembro de 2005 para anunciar a declaración de 2006 como Ano da Memoria, foi un acto cargado de simbolismo polo significado histórico dese lugar. A partir de aí desenvolveuse non un programa máis ou menos amplo senón un proceso participado para artellar liñas de traballo encamiñadas a que a recuperación da memoria histórica tivese un amplo protagonismo institucional e social. Creouse o Consello da Memoria como órgano de asesoramento e impulso, do que formaban parte personalidades como Díaz Pardo ou Avelino Pousa Antelo; e artelláronse múltiples liñas de traballo: investigación histórica, homenaxe, divulgación. Ademais da participación, houbo tres criterios básicos que guiaron o proceso: a perspectiva galega, o enfoque de xénero e a continuidade no tempo. Este último foi fundamental na medida en que tiñamos claro que non podía ser flor dun día ou dun ano. E así foi: no 2007, 2008 e comezos do 2009 a memoria histórica foi un eixe central do traballo da consellaría.

"Aí está por exemplo a negativa a condenar a Ditadura, contravindo a lei e os máis elementais principios éticos e democráticos"
 

-A Illa de San Simón foi declarada Illa da Memoria e sede das homenaxes nacionais anuais. Como valora que o símbolo de toda aquela política institucional teña esquecido a súa historia?

Efectivamente, a Illa tivo un protagonismo central en todo ese tempo como espazo simbólico da memoria. Acolleu múltiples actividades e cando se creou a Fundación Illa de San Simón, esta foi unha liña principal da súa actividade xunto cos aspectos educativos e ambientais. A celebración das homenaxes anuais de xullo supuxo un antes e un despois na xestión da illa coma espazo público, con unha presenza destacada das asociaciacións e dos antigos presos. A partir de 2009 iniciouse de novo a eliminación desa parte da historia da illa, no marco da eliminación das políticas da memoria. Pasouse a denominar a Illa do Pensamento, unha declaración baleira que só tiña como obxectivo anular a súa función de lugar de memoria. Na actualidade a Illa é de novo un deserto, sen proxecto, sen idea de que facer con ela máis alá de usala como contedor ocasional de actividades. Mais o obxectivo principal estaba claro: desmantelar a idea da Illa da Memoria e da súa función simbólica como lugar de recoñemento e divulgación da memoria das vítimas do franquismo.

-A homenaxe ás persoas que defenderon a liberdade foi unha constante. Como recibían, todas elas de máis de oitenta anos, este recoñecemento institucional?

A presenza masiva nos actos organizados pola consellaría e polas asociacións foi unha grande satisfacción. Había moitas familias q

ue levaban décadas agardando por algo así. As bágoas de orgullo de todas esas persoas é algo que non se pode esquecer e que en por si dálle sentido ao que se fixo. Houbo programas como o do Barco da Memoria, de homenaxe ás vítimas da represión franquista no mar, coordinado por Dionisio Pereira, que mobilizou a miles de persoas ao longo do verán de 2006. O mesmo se pode dicir das homenaxes nacionais en San Simón, dos actos de recoñecemento de carácter sectorial ou local, moitos deles promovidos por concellos e asociacións. A homenaxe as mulleres represaliadas, que tivo lugar no Teatro Principal de Compostela en marzo de 2007, foi outra data que debe figurar no libro de ouro da recuperación da memoria histórica en Galiza. Foi un acto emotivo e de gran contido político, unha lección de dignidade e orgullo nas voces de Lola Rodal, Aurora Marco, Marga do Val, Carme Adán e Ánxela Bugallo.

"Pasaron a denominar Illa do Pensamento á que chamabamos Illa da Memoria, unha declaración baleira que só tiña como obxectivo anular a súa función de lugar de memoria".

-Até entón foron historiadores e asociacións as que levaron o peso de recuperar a memoria. Contouse con eles no desenvolvemento da acción institucional?

Desde o primeiro momento, estou a falar do outono de 2005, convocamos ás asociacións e investigadores para coordinar e impulsar o proceso que se ía iniciar en 2006. No Consello da Memoria, a maior parte dos integrantes eran representantes destes dous sectores. A súa participación foi decisiva para artellar as principais liñas de traballo. Creáronse axudas para asociacións e para investigadores, e tamén novidosas propostas para apoiar a realización de documentais sobre a memoria histórica. Ao mesmo tempo, promoveuse un programa interuniversitario de investigación denominado “As vítimas, os nomes, os lugares” que fixo un labor moi importante e que hoxendía é unha referencia internacional sobre esta materia. Como outras moitas iniciativas, hoxe está asfixiada pola falta de medios debido ao abandono das políticas da memoria polo goberno galego.  
 

-Un dos feitos simbólicos foi a recepción en sede institucional dunha guerrilleira. Chelo entraba na Xunta e era recibida polo vicepresidente Anxo Quintana. Que significou ese xesto?

Foi outro dos grandes fitos do proceso: primeiro polo significado da recepción en San Caetano dunha antiga guerrileira coma Chelo, cuxa experiencia de sufrimento e dignidade foi divulgada por Aurora Marco. Mais tamén porque na clave de xénero que dixen antes, axudaba a desmontar a mentira da Galiza sumisa e poñía en primeiro plano o papel fundamental das mulleres na resistencia ao franquismo, o seu protagonismo na guerrilla... Persoas coma Chelo son un exemplo vivo de dignidade e de orgullo, un faro para seguir adiante nestes tempos escuros, para manter unha actitude de rebeldía contra as inxustizas de toda clase, para entender que o compromiso co país e cos ideais de xustiza non son unha causa cómoda. 

Comentarios