O BNG exixe ao Goberno do PP que reclame os 11,7 millóns que lle perdoou a Greenalia

Luís Bará advirte á Xunta dunha "grave irregularidade" que suporía, de non se subsanar, un gravísimo prexuízo para a facenda pública.
O deputado do BNG, Luís Bará (Foto: Nós Diario).
photo_camera O deputado do BNG, Luís Bará (Foto: Nós Diario).

O BNG esixiu no Parlamento da Galiza a reclamación dos 11,7 millóns de euros que o Goberno do PP lle perdoou a Greenalia ademais de emprazar a Xunta a anular o acordo con esta empresa, na que a ex conselleira Beatriz mato é parte do consello de administración.

"É unha irregularidade manifesta que este perdón da débeda teña efecto retroactivo", denunciou o portavoz de Medio Ambiente, Luís Bará, en alusión á estratexia da Xunta de aprobar un plan industrial "irregular".

Novo plan industrial e perdón

Esta anomalía, sostivo, comeza cando Greenalia solicita un plan industrial para os parques Campelo e Lamas de Feás despois de adquirir a empresa Kaekias Eólica S.A.

Previamente, Kaekias resultara adxudicataria de 75MW no concurso eólico do 2010 e, ao estar por debaixo dos 108MW que solicitara, renunciou a executar dito plan e solicitou a monetarización.

Greenalia, unha vez propietaria de Kaekias, decidiu solicitar substituír a monetarización por un novo plan industrial, "algo que non contempla a norma", criticou Bará. Neste "novo" plan industrial Greenalia alude uns investimentos realizados entre 2015 e 2019, "antes mesmo da adquisición de Kaekias" concedida pola Xunta en outubro do 2018.

Comparecencia

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, explica a formación nacionalista nun comunicado, aceptou a nova proposta de modificación deste plan industrial co perdón dos 11,7 millóns de euros a Greenalia, diñeiro que debe ser reclamado para as arcas públicas, asegura.

"De non facerse, suporía un gravísimo prexuízo para a facenda pública e un trato de favor a unha empresa privada", recriminou Bará na Cámara galega.

O voceiro de Medio Ambiente do BNG aproveitou a súa intervención para demandar "o cese fulminante" de Uría, actual secretaria xeral de Industria, por un "plan industrial fraudulento" e advertiu ao actual director xeral, Pablo Fernández Vila, que "se non reclaman eses 11,7 millóns de euros estarán concorrendo nunha fraude moi grave" derivada do trato de favor da Xunta a unha empresa privada vencellada ao boom eólico.

O deputado do BNG advertiu, neste sentido, que "chegaremos a onde faga falta" para que Galiza non perda cartos da súa facenda pública, polo que pedirá a comparecencia do vicepresidente primeiro e conselleiro de Industria, Francisco Conde, no vindeiro pleno da Cámara.

Comentarios