Opinión

A batalla polo vento

As palabras non son inocentes. A transición enerxética e a transformación dixital son termos ambivalentes, e poden servir para unha cousa e a contraria. Os mesmos poderes económicos que levaron o mundo ao precipicio (do que non saímos), queren presentarse como salvadores da humanidade. Poñen o traxe “ecoloxista”, aprópianse da terminoloxía de moda (sustentabilidade, resiliencia, economía circular…) e dispóñense a converter o verde nunha xigantesca maquinaria de facer negocios.

Estámolo vendo na avalancha de proxectos eólicos, abeirados na transición ecolóxica e na burbulla das renovábeis. Un auténtico festín para grandes fondos de investimento que atoparon no verde un filón para multiplicar beneficios. Que entenden o noso país como unha reserva da que extraer materia prima e enerxía coa máxima rendibilidade. E que teñen a favor unha Xunta de Galiza e un goberno central que lexislan para satisfacer os seus intereses insaciábeis.

Estamos asistindo a unha xigantesca agresión contra o país, contra o medio natural, contra o rural, contra a xente e contra a democracia. O inimigo é poderoso e conta coa bendición dos gobernos e con un potente aparato de propaganda e de manipulación. Ten a Xunta como eficaz administración ao seu servizo, e como quinta columna e cabalo de Troia que lle fai o traballo suxo modificando sistematicamente leis para achandar o camiño.

A escandalosa paralización da ampliación da Rede Natura, o desacato ao mandato da Comisión Europea de protección de hábitats e especies de interese prioritario, a desprotección de centos de humidais situados nun limbo legal, o abandono das especies en perigo de extinción, a vulneración da normativa de protección da paisaxe, a tardanza na aprobación de instrumentos que garantan a conectividade ecolóxica do territorio, a vulneración dos principios de prevención, de precaución e de prevalencia da lexislación ambiental deixan a biodiversidade á intemperie, nas mans dunha consellaría que é un cero á esquerda e que está sometida aos designios da presidencia da Xunta e do departamento de enerxía.

A actual fase de desenvolvemento do plan eólico non ten nada que ver co que vimos no pasado, que xa foi abondo abusivo. A intensificación de proxectos en tramitación e das novas solicitudes, a invasión de zonas residenciais e de desenvolvemento de actividades económicas esenciais, as dimensións físicas dos proxectos conformados polos aeroxeradores e as infraestruturas asociadas configuran unha realidade aberrante e un ataque sen precedentes ás formas de vida e ás expectativas de futuro de amplas zonas do rural.

Cada vez hai máis pobo consciente do papel de Galiza como produtora de enerxía, o territorio de Europa con maior densidade de produción eólica

Por se non fose abondo o fondo da cuestión, isto é, o marco de espolio do país e depredación do territorio, as formas con que se está a levar o proceso agrávano até límites insospeitados. As empresas promotoras contan con poderes ilimitados, outorgados por unha administración servil, o que deriva en situacións intolerábeis de abuso, extorsión e chantaxe na relación das promotoras coas persoas propietarias. A vulneración de dereitos como o de información e participación en materia ambiental é flagrante, e vese ademais agravada polas restricións derivadas da pandemia.

Mais non todo son malas noticias. En moitas comarcas do país estase xerando un poderoso movemento de resposta ao asoballamento do plan eólico, tal como se puido comprobar na multitudinaria mobilización do pasado 5 de xuño. Nos vindeiros meses vaise agudizar o conflito, pola aceleración da tramitación de proxectos e pola cada vez maior organización social para facerlles fronte.

Cada vez máis sectores cuestionan un modelo que ergue a bandeira verde por pura comenencia. Cada vez hai máis pobo que é consciente do papel de Galiza como zona produtora de enerxía e de que somos o territorio de Europa con maior densidade de produción eólica por habitante e por quilómetro cadrado. E o que é peor, que esta especialización causa fortes impactos sociais e ambientais e non redunda en beneficio do país e das comunidades rurais, senón que emigra para engordar a conta de beneficios de grandes corporacións e fondos voitre. E que o feito de sermos unha potencia na xeración de electricidade nin sequera retorna na redución da factura da luz para empresas e fogares.

Esta é unha grande batalla política e social en defensa do país. Non podemos permitir que nos rouben o vento. Querémolo como un ben público e un motor de desenvolvemento xusto e respectuoso coas persoas e co medio.

Comentarios