Eleccións Municipais

Pontón chama a "aproveitar" o 28-M para "estender" o "modelo BNG"

A portavoz nacional augura un "resultado histórico".
ana pontón bng teo
photo_camera En primeiro termo, Noelia Castaño, Ana Pontón e Eloi Devesa (Foto: Nós Diario)

O 28 de maio é unha oportunidade a aproveitar para que o 'modelo BNG' se estenda a moitos concellos da Galiza. É a mensaxe que a portavoz nacional da organización nacionalista, Ana Pontón, quixo trasladar onte desde Teo (concello da comarca de Compostela), a onde acudiu para apoiar unha concentración en defensa dun centro de día para este municipio de 19.000 habitantes situado na periferia da capital galega.

Pontón defendeu a necesidade de "máis e mellores" servizos públicos para a veciñanza. Acompañouna o candidato do BNG á alcaldía, Eloi Devesa, ao que cualificou como “unha persoa moi preparada para poder afrontar os retos de futuro do Concello, entre eles, a atención do benestar da cidadanía”.

En beneficio da veciñanza

“Levamos tempo vendo como os catorce anos de Goberno do PP supuxeron unha paralización de iniciativas e obras para mellorar a calidade de vida da xente maior”, indicou a líder da oposición, denunciando que “en todo ese tempo o Partido Popular non foi quen de construír nin unha soa residencia pública” na Galiza. 

Fronte a isto, explicou, o modelo municipal do BNG pon "no centro as persoas, o seu benestar, a súa calidade de vida". Defendeu, así, uns servizos públicos de calidade e puxo no centro das súas políticas a veciñanza. “Apostamos por mellorar a vida das persoas, e imos facelo tamén en Teo porque merece máis oportunidades de futuro e estamos convencidas e convencidos de que é posíbel un cambio”, declarou a portavoz.

Resultados

Pontón destacou que “ese modelo municipal é o que queremos estender por toda a Galiza a partir do 28 de maio, onde estou convencida de que o BNG vai ter un resultado histórico, con máis concelleiros e concelleiras”. dixo, en alusión aos comicios.

Comentarios