O BNG denuncia no Parlamento a destrución do embarcadoiro de Caneiras, en Valga

A estrutura pertencía ao conxunto do innovador funicular de transporte aéreo construído en 1927 pola compañía Novo y Sierra, coa consideración de Ben de Interese Cultural (BIC).
Manuel Lara / obaixoulla
photo_camera Manuel Lara / obaixoulla

En 1927, a Cerámica de Campaña (Novo y Sierra) desenvolvía un sistema innovador de funicular de transporte aéreo de arxila extraída da Mina Mercedes, así como dos materiais cerámicos que se producían na factoría, até o Embarcadoiro de Caneiras (Valga) para a carga e descarga no río Ulla.

A pesar de que o conxunto histórico ten a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC), a construción dunha nova estrutura sobre o río tense feito a costa da desaparición do senlleiro embarcadoiro, parte indispensábel do sistema de transporte de case 100 anos de historia.

O BNG rexistrou unha serie de iniciativas parlamentarias, en forma de proposición non de lei e preguntas ao Goberno da Xunta, para pedir explicacións e responsabilidades por uns feitos que o deputado nacionalista Luís Bará calificou como “moi graves”.

Segundo o deputado do BNG, a incoación en febreiro de 2020 do expediente de declaración BIC do funicular de transporte aéreo de materiais Novo y Sierra en Valga “obrigaba á Xunta á súa protección e salvagarda” mais a dirección xeral de Patrimonio Cultural “permitiu a destrución dunha parte das estrutura do antigo peirao e a aletración completa da zona”.

Luís Bará afirmou que “resulta evidente, tal como se pode comprobar nas fotografías do antes e despois, que as estruturas do embarcadoiro non foron protexidas, que a súa fisonomía e elementos foron completamente alterados e que a actual configuración do espazo non permite a interpretación do seu sistema de funcionamento xa que foi absolutamente transformado nun peirao para embarcacións turísticas”.

“Estamos pois diante dun gravísimo atentado contra o patrimonio, do que se deberán dar as pertinentes explicacións e derivar as correspondentes responsabilidades”, sentenciou o representante nacionalista.

Iniciativas parlamentarias

Por ese motivo, o BNG solicita “levar a cabo unha investigación interna sobre a tramitación do proxecto de embarcadoiro no río Ulla en Valga e sobre a posíbel omisión do deber de protección e salvagarda do funicular de transporte aéreo de materiais Novo y Sierra en Valga”.

Así mesmo, a formación nacionalista demanda “abrir un expediente informativo e no seu caso sancionador, en aplicación do previsto na Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural da Galiza, pola destrución de parte dun ben que contaba cun réxime de protección e salvagarda”.

Por outra parte, Bará require explicacións ao respecto de se existiu un “informe favorábel” por parte de Patrimonio, e sobre por que esta Dirección xeral permitiu a destrucción dunha “elemento senlleiro do BIC como o embarcadoiro”.

O deputado nacionalista tamén demanda respostas sobre “que servizo realizou os informes sobre o proxecto e que criterios se seguiron para xustificar a desaparición da citada estrutura e a agresión ao BIC” e interpela á Consellaría de Cultura para saber se vai “levar a cabo unha investigación interna sobre a tramitación do proxecto de embarcadoiro no río Ulla en Valga e sobre a posíbel omisión do deber de protección e salvagarda”

Comentarios