A Xunta anuncia a nova iluminación na controvertida actuación sobre a Ponte Nafonso

A actuación da Xunta na Ponte Nafonso está no albo da crítica veciñal, que xa realizou dúas concentracións de repulsa polo resultado da intervención.
Nova iluminación da Ponte Nafonso (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Nova iluminación da Ponte Nafonso (Foto: Xunta da Galiza)

A Ponte Nafonso, que une os municipios de Noia e Outes a través da estrada AC-196, xa ten iluminación para "reforzar así a seguridade de vehículos e peóns que transitan a zona e contribuír na súa posta en valor", explicou a Xunta da Galiza nun comunicado.

Segundo destacou a Xunta, esta actuación forma parte dos "traballos de rehabilitación impulsados pola Administración galega que se atopa na súa fase final, cun investimento de máis de 700.000 euros". Así mesmo, lembrou que "en abril se retomaron as obras tras recibir o visto e prace da Comisión de Patrimonio".

Segundo explica a Xunta, "o proxecto inicial propuña unha instalación dunha varanda metálica, cun deseño previsto para a contención de vehículos cunha velocidade de 50 quilómetros por hora". Porén, sinalan, "a limitación a 20 ou 30 quilómetros por hora provocou que fose necesario optar por colocar un limiar de pedra".

Unha actuación controvertida

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Outes, así como as Normas Subsidiarias de ordenamento urbanístico vixentes en Noia, outorgan á Ponte Nafonso o Grado de protección integral (grado 1), polo que protexe o ben patrimonial na súa totalidade, obrigando a preservar as súas características arquitectónicas, a súa forma e contía de ocupación do espazo, e todos os atributos que contribúen a singularizalo como elemento integrante do patrimonio arquitectónico.

Boa parte da veciñanza do lugar, así como dos municipios de Outes e Noia, defenden que a actuación non cumpre coas cautelas necesarias dunha actuación sobre un ben patrimonial con protección integral, como é o caso de Ponte Nafonso.

Deste modo, teñen chegado a desenvolver a plataforma 'Salvemos Ponte Nafonso' e a realizar dúas concentracións no ben patrimonial, a última o pasado 5 de xuño, nas que ducias de persoas clamaron contra o que consideran "unha desfeita" e "unha falta de respecto" por unha "xoia con sete séculos de historia".

A polémica chegou ao Parlamento

O BNG tamén se sumou ao rexeitamento desta actuación, aducindo razóns como "un peitoril que enterra os tallamares, a elevación do firme, a xeración de buratos brutos na pedra, o encintado sen ningunha delicadeza, ou a colocación non traballada da pedra".

Con todo, a principal crítica dos nacionalistas é que "os novos peitorís de pedra están elevados por riba dos históricos tallamares", que, segundo sinalan, "invisibilizan o elemento máis distintivo da Ponte Nafonso" sen ademais "buscar algún tipo de encontro que dea continuidade aos elementos en diferente altura", así como "facendo efecto piscina no solo destes tallamares".

Estas queixas do BNG mesmo chegaron ao Parlamento en varias ocasións, onde a deputada Rosana Pérez, levou varias iniciativas. A última das intervencións de Pérez foi unha interpelación ao director xeral de Infraestruturas, o pasado 22 de abril, na que cualificou de “indignante” o desleixo do Goberno galego cunha ponte medieval de máis de 700 anos de historia e catalogada no Patrimonio artístico de Galiza.

A deputada nacionalista anunciou posteriormente, o pasado 5 de maio, que "despois de requirir toda a documentación e permisos referentes á actuación sobre Ponte Nafonso para poder valorala con toda a información necesaria, non recibimos resposta". Ante o que cualificou de "oscurantismo", Pérez non descartou "ningunha vía, tampouco a xudicial, para tratar de que se diriman responsabilidades".

Comentarios