Valga podería retirar o título de 'fillo predilecto' a Castelao Bragaña

O concello pontevedrés en que o PP goberna con maioría absoluta, rexeitou incialmente a proposta da oposición que exixía a supresión do recoñecemento de maneira inmediata após as súas declaracións machistas, porén asegura que "estudará", a través da apertura dun expediente, esa posibilidade.

O concello pontevedrés de Valga abre un expediente con que podería retirar o título de 'fillo predilecto' a Castelao Bragaña após as súas declaracións en que aseguraba que 'as mulleres, como as leis, están para seren violadas'.

O que foi a figura máis forte do Partido Popular na diáspora e presidente do Consello Xeral da cidadanía española no exterior durante dous mandatos, podería ficar sen o título de honra que lle foi concecido en 1998 na súa vila natal, Valga (Pontevedra), após a apertura dun expediente por parte da equipa municipal.

Bragaña foi nomeado 'fillo predilecto' da vila en 1998

O concello, gobernado polo Partido Popular, rexeitou inicialmente as propostas achegadas polos grupos municipais do BNG e PSOE, que exixían a retirada inmediata do título a José Manuel Castelao Bragaña poucos días despois de se coñeceren as súas declaracións na xuntanza do Consello en que ía ser re-elixido presidente. As palabras do 'popular' axiña fixeron ferver as redes sociais en que se exixía a súa dimisión. Asemade, os principais partidos políticos da oposición, tanto na Galiza como no Estado español, demandaron ao Partido Popular que expulsase das súas filas a Bragaña e exixiron unha desculpa pública en nome do partido, algo que nunca aconteceu.

Porén, o pleno do concello de Valga accedeu finalmente a abrir un expediente en que estudar a situación e valorar a posibilidade de que lle sexa retirada a consideración de 'fillo predilecto'. No entanto, Bragaña goza de recoñecemento honorífico tamén noutras vilas galegas como Negreira ou A Estrada.

Comentarios