O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, advertiu ao Goberno español que a costa galega está recibindo unha “afluencia masiva de turistas nas últimas semanas, que chegan en automóbiles, autocaravanas e transportes públicos sen ningún tipo de restrición, procedendo moitos deles de provincias que aínda se encontran na fase 1 do desconfinamento”.
Unha situación que para o deputado nacionalista supón “un importante risco de rebrotes”, para alén de indicar que o Goberno español, que asumiu para si as competencias en restrición da mobilidade, “non está cumprindo coa súa responsabilidade”
Néstor Rego contrapón isto á decisión do Executivo estatal de negar a posibilidade de se mover entre as provincias galegas, “a pesar de estaren todas na mesma fase”.
Para o deputado nacionalista, hai unha “incoherencia” en non ter permitido a libre mobilidade en todo o territorio galego, “ alegando a necesidade de seguir controlando os movementos da poboación”, en canto “non actúa para impedir os movementos procedentes de todo o Estado de miles de persoas cara ás costas galegas a pesar de seren irregulares e suporen un risco importante”.