O BNG de Betanzos tamén ‘planta’ a vicepresidenta Calviño

Tras o abandono, por parte de representantes do BNG, do acto institucional convocado polo Concello de Vigo con motivo do Día da Patria Galega -Día de Galiza na nomenclatura empregada polo Goberno municipal- polo “desprezo” de Nadia Calviño ao galego, agora é o BNG de Betanzos quen “planta” a vicepresidenta do Goberno español.

Nadia Calviño (Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Nadia Calviño (Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press)

A vicepresidenta primeira do Goberno español, Nadia Calviño, será este domingo a pregoeira das festas de Betanzos. Horas antes, a ministra de Economía desfrutaba do concerto de UB40 na praia de Riazor, acompañada pola alcaldesa da súa cidade natal, Inés Rei.

A lectura do pregón por parte da ministra do Executivo de Pedro Sánchez provocou malestar entre as filas nacionalistas, até o punto de que o BNG anunciou que non asistirá ao acto oficial co que dan comezo ás festas en Betanzos.

"As festas deben ser para toda a veciñanza de Betanzos, non son unha oportunidade para facer campaña política para o propio PSOE. Parécenos lamentábel o uso partidista que o PSOE está facendo dunha celebración que debera ser de todas as betanceiras e betanceiros", explica a portavoz do BNG, Amelia Sánchez, nunha nota de prensa enviada aos medios na mañá do domingo.

"Deixando a un lado o que supón traer a ministra de Economía do Goberno do Estado no momento que estamos vivindo, cunha subida desbocada dos prezos que estamos pagando todas e que o Goberno non está tomando medidas adecuadas para controlar, desde o BNG pensamos que hai betanceiras e betanceiros merecentes desta honra sen traer unha pregoeira que non ten vínculo ningún coa nosa cidade", engade Sánchez. 

Raíña das Festas, unha figura machista

Tampouco asistirá o BNG, como xa fixo os últimos anos, á celebración da Raíña das Festas por ser “unha figura machista e clasista, que perpetúa a desigualdade”. "Defendemos unhas festas para todas e todos, que fomenten a igualdade e que promovan a nosa cultura e patrimonio como o noso valor fundamental. Unhas festas das que todas nos poidamos sentir orgullosas", conclúe a portavoz nacionalista.

O anuncio do BNG de Betanzos chega dous días despois de que os representantes do BNG de Vigo abandonasen o acto oficial co que o Concello vigués celebrou no Pazo Quiñones de León o Día da Patria Galega -Día da Galiza, na denominación usada polo Goberno municipal-.

Polémica en Vigo

Representantes do BNG, entre os que se atopaban o portavoz na cidade, Xabier Pérez Igrexas, e mais a deputada Carmela González, marcharon do acto institucional cando a ministra coruñesa Nadia Calviño, encargada de ler o pregón, interveu en castelán, unha mostra de “desprezo” cara o idioma propio da Galiza.

Comentarios