O BNG sobe e ameaza a maioría absoluta do PP no Parlamento galego segundo a última sondaxe de Electomanía

A última sondaxe de Electomanía (Foto: Electomanía)
De acordo con esta sondaxe, a maioría absoluta do Partido Popular ‘periga’ debido ao ascenso do BNG que aumentaría tanto en número de escanos como en porcentaxe de voto.

Electomanía vén de publicar unha nova enquisa para as eleccións ao Parlamento da Galiza do vindeiro ano.

De acordo con esta sondaxe, a maioría absoluta do Partido Popular ‘periga’ debido ao ascenso do BNG que aumentaría tanto en número de escanos como en porcentaxe de voto.

Así, a formación nacionalista conseguiría 26,4% dos sufraxios mentres o PP lograría 44,2%. Pola súa parte o PSdeG mantería unha porcentaxe similar á lograda en 2020 con 19,39%.

Isto tradúcese en 39 escanos para o partido de Alfonso Rueda, 22 para os nacionalistas, liderados por Ana Pontón e 14 para o socialistas, que aínda non teñen un candidato designado.

Isto significaría que o PP estaría perto de perder a maioría absoluta que o mantén á fronte da Xunta da Galiza.

UP, Vox e Sumar?

A enquisa de Electomanía deixa fóra da Cámara galega Unidas Podemos e Vox aos que lles outorga 4% e 4,7% dos votos respectivamente.

Desta forma ficaría un Parlamento con tan só tres grupos parlamentarios, é dicir, exactamente igual que na actualidade se ben aínda se descoñece a fórmula coa que a formación de Yolanda Díaz, Sumar, se presentará ás elección galegas ou se o fará en confluencia con Unidas Podemos.

Aínda se descoñece a data en que a poboación galega está chamada a votar, con todo, o titular do Executivo galego xa anunciou que sería favorábel a facer coincidir os comicios galegos cos de Euskadi, que terán lugar o 9 de xuño de 2024.

Para esa mesma data tamén están convocadas as elección europeas.