9 de xuño de 2024, posíbel data para as eleccións galegas

O Goberno vasco valora o domingo 9 de xuño como posíbel data para celebrar eleccións en Euskal Herria, facéndoas coincidir coas europeas. Se Rueda segue os pasos de Feixoo, o segundo domingo de xuño de 2024 as galegas e os galegos tamén terán que introducir dous sobres nas urnas.

Xornada elecotral do pasado 28 de maio en Portomarín (comarca de Lugo). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Xornada electoral do pasado 28 de maio en Portomarín (comarca de Lugo). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A falta de que o lehendakari Iñigo Urkullu o confirme, PNV e PSE, socios do Goberno de Euskal Herria, xa traballan coa hipótese de que as eleccións vascas teñan lugar o domingo 9 de xuño de 2024, o mesmo día que decorrerán as eleccións europeas.

A posibilidade de facer coincidir ambos os comicios nun “súper domingo vasco” ten, segundo fontes do Executivo vasco, unha “lóxica aplastante”.

Un razoamento semellante podería ser o de Alfonso Rueda, presidente da Xunta da Galiza, que de seguir os pasos do seu predecesor no cargo, Alberto Núñez Feixoo, faría coincidir as eleccións galegas coas vascas por quinta vez consecutiva.

Foi en 2009 cando Galiza e Euskal Herria escolleron goberno “xuntas” por vez primeira. E o responsábel da coincidencia foi o lehendakari Juan José Ibarretxe, que se sumou á data xa anunciada na Galiza polo socialista Pérez Touriño. Nesta ocasión, tanto Ibarretxe como Touriño perderon os Gobernos que lideraban.

A partir desta cita, Feixoo foi o que se sumou ás iniciativas do seu homólogo vasco, e fíxoo tanto atendendo a conxunturas internas como ao devir da política Estatal. A simultaneidade das eleccións vascas e galegas permitiulle ao ex presidente galego reverter enquisas inicialmente desfavorábeis, como as das eleccións de 2012, ou conseguir a maioría absoluta na cámara galega, como aconteceu nos comicios do outono de 2016.

Non obstante, se ben o agora líder dos populares españois conseguiu con esta estratexia manter a súa maioría absoluta, as eleccións decorridas en xullo de 2020 no marco da pandemia da Covid-19 reforzaron unha oposición que agora aspira a rematar con 15 anos de Goberno dos populares.

“Súper domingo galego”

Así as cousas, Alfonso Rueda ten nas súas mans convocar as eleccións ao Parlamento galego para o 9 de xuño, como semella indicar que farán os vascos, e repetir por quinta vez consecutiva un domingo electoral co foco posto simultaneamente sobre a Galiza e sobre Euskal Herria.

Logo de recuar e desbotar unha convocatoria conxunta das eleccións Estatais coas galegas, após uns resultados municipais do PP na Galiza que nada tiñan a ver co “éxito” que os populares experimentaron no conxunto do Estado, Rueda deixou no aire a convocatoria das eleccións. Mais ben é certo que o propio presidente da Xunta afirmou o pasado 19 de maio que, aínda que non estaba “a pensar” na data, gustaríalle que coincidiran coas vascas.

Tendo en conta isto, o 9 de xuño de 2024 vai sumando todos os boletos para gañar tamén a rifa dun “súper domingo galego” no que converxerían as eleccións europeas cos comicios á Cámara galega.

Comentarios