Besteiro urxe a Xunta a convocar 120 prazas de saúde mental, "só para chegar á media do Estado"

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gomez Besteiro, asistiu á apertura da Escola de Outono das Xuventudes Socialistas en Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gomez Besteiro, asistiu á apertura da Escola de Outono das Xuventudes Socialistas en Lugo. (Foto: Nós Diario)

O candidato do PSdeG á Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou ao Goberno galego a convocatoria "urxente" de 120 prazas de saúde mental na sanidade pública da Galiza, "só para chegar á media do Estado".

Tras asistir en Lugo á apertura da Escola de Outono das Xuventudes Socialistas, Besteiro lamentou que a Galiza "encabece o consumo de psicofármacos e de suicidios en todo o Estado".

Esta situación, para o tamén deputado no Congreso español, supón "a constatación dun fracaso das políticas galegas para a saúde mental". "Rueda, despois de 14 anos, non está a saber facer fronte a esta situación", manifestou.

Por iso, reclamou a convocatoria "urxente" de 120 prazas neste ámbito, porque "urxe reforzar un servizo" que conta con listas de espera de "máis de catro meses".

Transporte, vivenda e universidade

Ademais deste tema, os socialistas trataron neste encontro outros asuntos, como "os problemas do transporte, o difícil acceso á vivenda ou as deficiencias da Universidade e a FP".

Así mesmo, segundo trasladou o PSdeG, Besteiro tivo palabras de agradecemento á organización xuvenil por apoialo "tanto nos bos como nos malos momentos", cando foi "vítima dunha inxustiza xudicial".

Tamén enxalzou o "intenso traballo" que realiza o actual secretario xeral das XSG, Xurxo Doval, e o seu equipo, así como o anterior líder da organización, Aitor Bouza.

 

Comentarios