25-N

Besteiro chama a loitar contra a violencia machista "os 365 días do ano"

O PSdeG salienta a educación e o compromiso con motivo do 25-N.

José Ramón Gómez Besteiro, esta sexta feira en Gondomar (comarca de Vigo). (Foto: Nós Diario)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro, esta sexta feira en Gondomar (comarca de Vigo). (Foto: Nós Diario)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, apelou esta sexta feira á "loita constante" contra a violencia de xénero e asegurou que "todos os días do ano" teñen que ser 25-N, en referencia á conmemoración do Día Internacional contra a Violencia Machista, que decorre hoxe. 

O tamén deputado no Congreso español recordou que, desde que hai estatísticas, na Galiza morreron "68 mulleres" só polo feito de "ser mulleres". Besteiro puxo en valor o investimento do Goberno de Pedro Sánchez para combater "esta lacra", "con máis de 60 millóns transferidos á Xunta" desde 2018.

Aliás, considerou necesario combater esta problemática "todos os días do ano" con educación, compromiso e "dándolle as costas" ás políticas "da dereita e a ultradereita" que negan a violencia de xénero. "Temos que loitar todos os días contra iso, desde o convencemento, desde o compromiso e desde a firmeza", finalizou. 

O candidato socialista á Presidencia da Xunta visitou esta sexta feira Gondomar (comarca de Vigo), onde particiou na lectura dunha declaración institucional con motivo do 25-N xunto co alcalde da vila, Francisco Ferreira, e o secretario provincial do PSdeG, David Redages, nun acto no que tamén tomaron a palabra estudantes da localidade.

Zona Franca

Na mesma xornada, Besteiro e Regades visitaron o Polígono de Porto do Molle, en Nigrán, xunto ao alcalde, Juan González. No polígono nigranés, o candidato á Presidencia da Xunta reivindicou as "46 empresas e máis de 4.500 postos de traballo impulsados desde a Zona Franca de Vigo nos últimos cinco anos de Goberno socialista"

Comentarios