Besteiro di que o PP utiliza a amnistía como "escusa" para confrontar

O socialista afirma que o Partido Popular "non acepta" o resultado electoral

José Ramón Gómez Besteiro copou hoxe boa parte da atención mediática nos corredores do Parlamento da Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta e deputado no Congreso, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que o Partido Popular utiliza a amnistía como "escusa" para buscar a confrontación porque "non acepta" o resultado do 23 de xullo e "quere repetir as eleccións" até que "poida gobernar o PP".

En declaracións aos medios esta segunda feira en Compostela e preguntado polas protestas convocadas, Besteiro asegurou respectar as manifestacións que se fagan de forma "democrática" como as deste domingo á que, segundo indicou, acudiron "militantes e simpatizantes do PP" e que foi "secundada por Vox". Con todo, censurou que o PP non condene os ataques que se están rexistrando contra sedes do PSOE.

"Isto non vai de amnistía si e amnistía non, isto vai dun partido que non aceptou os resultados do 23 de xullo e quere repetir as eleccións as veces que sexa necesario até que salga o resultado que quere, que é que poida gobernar o PP", dixo.

Besteiro lembrou ao PP que son necesarios 179 apoios no Congreso para "conformar Goberno". "Isto é así, son as regras democráticas e hai que aceptalas ou, senón, dicir que se está fóra do sistema", sinalou.

O candidato á Xunta dixo que o PP "xoga coa ambigüidade" e con "alentar" estas protestas nunha estratexia na que o PP da Galiza segue "os pasos que lle marcan directamente de Madrid".

Tras iso, lembrou "outras amnistías" que se produciron na historia da democracia no Estado español e lembrou que con Mariano Raxoi na Presidencia do Goberno "houbo unha amnistía fiscal" na que se "perdoaron delitos a xente que ocultaba bens á facenda pública fóra de España". "Mais non se está falando diso, quérese repetir as eleccións para ver se o PP pode gañar", censurou.

Ademais, preguntado sobre se o PP galego utiliza este asunto con fins electorais para as eleccións galegas, Besteiro dixo que "os galegos son xente moi sensata" que "sabe distinguir" cando un o tenta " enganar". "A xente irase dando de conta de que iso da amnistía é unha escusa para poder volver repetir as eleccións a nivel estatal e a ver se desta vez o Núñez feixoo que marchou dicindo que ía ser presidente do Goberno, sae", afirmou.

Comentarios