Besteiro fai na Mariña as súas primeiras promesas para "cando chegue ao Goberno galego"

Compromete para a comarca a Vía de Alta Capacidade Costa Norte
Besteiro Viveiro
photo_camera Besteiro durante a súa visita a Viveiro (Foto: Nós Diario)

O deputado no Congreso e candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez  Besteiro", afirmou onte o "compromiso" de que "a primeira obra" que impulsará o "novo Goberno da Xunta" en 2024 na comarca da Mariña será a Vía de Alta Capacidade Costa Norte, e censurou que os Executivos autonómicos do PP deixasen "tirada" a comarca da Mariña nos últimos 14 anos.

En declaracións aos medios durante unha visita a Viveiro, na que estivo acompañado polo secretario xeral do PSdeG en Lugo, José Tomé, o candidato socialista lembrou que A Mariña "leva 14 anos sen novas licitacións" e que a última foi precisamente a tramitada polo bipartito presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, de dous tramos da VAC (variante de Xove e variante de Ortigueira). "Nos últimos 14 anos, nos orzamentos da Xunta houbo partidas que nunca se executaron. Isto condena a esta parte da Mariña ao absoluto illamento", denunciou.

Besteiro sinalou que a iso súmanse "intervencións prometidas e nunca feitas", como a da estrada de Viveiro a Cabreiros. "É unha obra fundamental para A Mariña, e o PP que tanto fala de querer defender A Mariña, cos seus feitos demostra o contrario, deixouna absolutamente tirada", incidiu. Segundo reiterou, o compromiso dos socialistas galegos é "iniciar inmediatamente eses novos tramos para conectar o viario que leva de Ferrol a San Cibrao" en 2024.

Por outra parte, e preguntado pola autovía da Mariña, a A-74, Besteiro apuntou que o Goberno estatal está "a rematar os últimos estudos informativos", e que houbo problemas, como a necesidade de repetir o trámite de exposición pública.

Máis en POLÍTICA
Comentarios