18-F

Besteiro chama a "cambiar a historia da Galiza"

Instou a cidadanía galega a aplicar "a receita socialista" para "ter unha vida mellor".

Os socialistas galegos escolleron Lugo para iniciar a campaña electoral. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os socialistas galegos escolleron Lugo para iniciar a campaña electoral. (Foto: Nós Diario)

O candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, fixo un chamamento esta quinta feira en Lugo, no acto de arranque da campaña electoral para os comicios galegos do 18 de febreiro, á "mobilización" e á "ilusión" para lograr nas urnas, dixo, "cambiar a historia da Galiza".

"Imos cambiar a historia da Galiza. E ímolo a facer co impulso dos votos, esa papeleta que nos iguala a todos, ao que máis ten e ao que menos ten", proclamou Besteiro nun mitin que tivo lugar na céntrica praza de Santa María da cidade das murallas, na que estivo arroupado por uns 500 asistentes.

Cunha gran pancarta situada ás súas costas co lema "Desta vai!", Besteiro, acompañado no acto pola vicepresidenta primeira do Goberno, María Jesús Montero; o secretario xeral do PSdeG, Valentín Formoso; a número dous da lista provincial e ex alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; e a actual rexedora da cidade, Paula Alvarellos, foi o último en tomar a palabra.

"Galiza é o berce do matriarcado e esa forza das mulleres vai permitir cambiar Galiza", comezou dicindo o candidato socialista, tras agradecer a presenza no acto de María Jesús Montero e antes de vaticinar unha campaña electoral "alegre" e "propositiva" xa que, puntualizou, "os socialistas amamos e respectamos a democracia".

José Ramón Gómez Besteiro, que dedicou durante o seu discurso algunhas palabras ao líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, ao que tachou de "patriota de pacotilla" por votar en contra, dixo, dos “pensionistas galegos" e "os fondos europeos", instou a cidadanía galega a aplicar "a receita socialista" para "ter unha vida mellor".

Unha receita que o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta deu en condensar en tres grandes liñas: "Máis emprego, máis economía e mellor sanidade" para construír unha sociedade, agregou, con "igualdade de xénero e igualdade de oportunidades".

Máis en POLÍTICA
Comentarios