Bescansa vincula o resultado das galegas ao futuro político en Europa e no Estado español

A deputada de Podemos no Congreso asegura que “estamos a tres días de ver o peche do capítulo deste sistema dos vellos partidos do bipartidismo e das políticas contra a xente”, durante unha conversa con Luís Villares en Compostela. 

Bescansa e Villares en Compostela (Foto: En Marea)
photo_camera Bescansa e Villares en Compostela (Foto: En Marea)

Carolina Bescansa aterrou esta quinta feira na campaña galega cun acto en Compostela xunto o candidato de En Marea, Luís Villares, onde sinalou a importancia dos comicios do 25S cuxos resultados considerou van “ter efectos en España pero tamén en todo Europa”. A deputada de Podemos no Congreso afirmou “que estamos a vivir un proceso de restauración” que comeza coas eleccións galegas. 

“Estamos a tres días de pechar en Galiza o capítulo do bipartidismo, da corrupción e das políticas contra a xente”, manifestou durante a conversa, moderada pola concelleira de Compostela Aberta, Marta Lois, celebrada na praza do Toural. “O outro día escoitei a Feijóo dicir que era do PP de casualidade, case por accidente, e foi cando pensei que isto vai a pique a toda velocidade”, ironizou Carolina Bescansa, segundo recolle a formación en nota de prensa. 

Bescansa cre que non haberá problemas para chegar a acordos con outras formacións e que as diferenzas son "de matiz".

A representante de Podemos mostrouse confiada de que Villares encabece un goberno alternativo despois do 25S e considerou que non haberá problemas para chegar a acordos “sobre o que se ten que acabar e o que ten que comezar” con outras forzas, asegurando que as diferenzas entre elas son “de matiz”. 

Pola súa banda, o candidato de En Marea á Xunta, Luís Villares, centrou a súa intervención nas propostas para combater a corrupción. “En Marea comprométese a levantar as alfombras e poñer a disposición da Xustiza a todos os que roubaron facendo que devolvan todo o roubado. A principal preocupación é recuperar o roubado non só acabar coa corrupción”, apuntou Villares.

Referiuse tamén ás enquisas, preguntado pola prensa, para rexeitar as previsións das sondaxes publicadas. “Eles teñen enquisas que lles dan un resultados moito peores dos que fan públicos e nós tamén as temos e estamos moi contentos de como vai a campaña”, explicou.

Comentarios