Beiras pide “deixarse de caralladas” e “arroupar a Villares”

En Marea ten este sábado Plenario Nacional, no que se debate regulamento e documento político. No primeiro é onde se centran as diferenzas no seo das partes que integran a formación

Plenario de En Marea decembro de 2016
photo_camera Imaxe: En Marea

Xosé Manuel Beiras solicitou este sábado “deixarse de caralladas” e “arroupar a Villares”. Unhas declaracións realizadas polo veterano político antes de que comezase o Plenario de En Marea, que este sábado decorre en Compostela e onde os máis de 1.000 inscritos debaten e votan regulamento e documento político coa vista posta na asemblea de comezos de 2017. Beiras terciou así no debate aberto sobre liderato da formación e fíxoo con contundencia: “Eu estou decidido absolutamente a darlle todo o meu apoio e Anova tamén”, dixo.

En Marea chega a esta cita cunha división sobre como debe de ser o liderato. Alcaldes como o da Coruña e Ferrol apostan por un “liderato colectivo”, unha opción coa que esa responsabilidade non caia nunha persoa, atallando o paso así a Luis Villares, portavoz parlamentar e que xa anunciou o seu desexo, de así o permitir finalmente o regulamento, de dar o paso. Esquerda Unida e parte de Podemos alíñanse con esa postura dos dous alcaldes.

Parte de Anova e Cerna, porén, serían partidarias de que a responsabilidade de máxima representación da organización política recaese tamén en Villares. As declaracións de Beiras deste sábado son a expresión máis clara dese apoio.


 

Comentarios