Beiras asegura que en Anova “non sobra ninguén”, pero di que sentiu “noxo” na asemblea

O líder da formación dá por concluída a constitución da súa forza política e defende unha unidade interna que semella complicada, tal e como Beiras asumiu a respecto da tensión vivida o sábado. Aliás, defendeu a independencia de Galiza “que logo xa decidirá confederarse ou non”.

anova-cropII
photo_camera Asemblea Anova

O portavoz de Anova en funcións e líder da formación, Xosé Manuel Beiras, declarou "concluído" o proceso de constitución da forza política que contribuíu a fundar no verán de 2012 após marchar do BNG, e advertiu de que "non sobra ninguén e aquí non hai ninguén traidor" nun chamamento á unidade interna que semella de complicada concreción, xa que Anova está dividida en dous bandos, sendo o achegado á actual dirección o que por escasa marxe gañou as principais votacións do conclave. "A partir deste momento acabouse o de enredarse en se somos así ou asá", advertiu Beiras.

Beiras criticou o BNG e foi duro cos enfrontamentos durante a redamisión da militancia expulsada de Redondela

Durante o seu discurso no acto de clausura da II asemblea nacional de Anova, Beiras lanzou unha mensaxe dirixida á paz interna logo dos momentos que recoñeceu que lle deron "noxo" e que se viviron na xornada do día anterior, cando se aprobou a readmisión de varios militantes de Redondela entre apupos e mesmo insultos. Beiras xulgou que hai xente que “se pasa de rosca e vai máis aló das palabras” pero insistiu en que en Anova "non sobra ninguén", sempre que a totalidade "asuma" esta ferramenta como "un novo proxecto común para a cidadanía común".

Beiras tamén lanzou unha crítica ao BNG, ao que veu acusar de “pechado” en contra do que el define como “internacionalismo” de Anova. O discurso foi seguido por representantes doutras forzas políticas, como Esquerda Unida. Diante deles, Beiras defendeu a “independencia” de Galiza, que logo “decidirá se quere confederarse con outros pobos”.

Comentarios