A UPG proxecta con máis luz a figura de Bautista Álvarez

Cinco anos após a súa morte, a Unión do Povo Galego (UPG) honrou este sábado en Compostela unha das figuras máis relevantes da formación e do nacionalismo galego.
Intervención de Francisco Rodríguez durante a homenaxe a Bautista Álvarez. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Intervención de Francisco Rodríguez durante a homenaxe a Bautista Álvarez. (Foto: Nós Diario).

A proxección da fita a Bautista Álvarez. Patriota exemplar deu comezo o acto, pasadas as 18 horas, no Auditorio da Galiza.

A deputada do BNG Montse Prado foi a encargada de conducir o acto de celebración, unha cerimonia, dixo, "que pretende ser homenaxe, mais non de nostalxia, senón de reivindicación, por todo o que lle debemos"; e no que estiveron presentes a líder do BNG, Ana Pontón, mais o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, -vía telemática- ademais doutros dirixentes e militantes.

Construtor do nacionalismo

Prado definiu Bautista Álvarez no arranque do evento como "un loitador incansábel e grandísimo patriota. Un construtor fundamental do nacionalismo galego contemporáneo, na conformación das súas análises e alternativas ".

Segundo destacou, Bautista Álvarez tiña claro que é preciso actuar para mudar as cousas, por iso escolleu "actuar", e non pensando en si mesmo, "senón no país, na maioría social". Neste camiño, subliñou Prado, dedicou a súa vida a autoorganizar o pobo galego e a dotar o nacionalismo dun corpus teórico e ideolóxico. "Os seus textos son bo exemplo de canto lle debemos ao que foi presidente da Unión do Povo Galego".

Clandestinidade

Marisa Vázquez tomou a palabra a continuación para falar da época de Bautista Álvarez na clandestinidade. "Eran momentos de non facer preguntas e non identificar a ninguén". A imaxe que garda de Bautista, describiu, "case é por intuición", construída en base a sensacións. "Coñecino no 73-74 en Porto case por casualidade. Había poucos medios económicos. El era humano, observador, moi próximo e era firme no debate". Era un gran loitador e ideólogo, abundou, e "en Madrid todos tiñan del a mesma impresión ca min".

Transición

O escritor e un dos fundadores da UPG Lois Diéguez lembrou no seu discurso os tempos iniciais con Bautista, nos 60, en Madrid, no seo do club de amigos da UNESCO. "Con eles chegou a miña identificación con Galiza e co idioma", dixo. Os 70, puxo de manifesto, foron dunha práctica política intensa recruada pola persecución fascista.

Rememorou, ademais, o traballo dos deputados do BNPG-PSG -el mesmo, Claudio Rodríguez Garrido e Bautista Álvarez- e a súa expulsión en 1982. "Nós non podiamos bendicir unha lei que nos nega", dixo en relación á Constitución. 

De Bautista Álvarez, destacou o seu talento como orador, un dos "grandes do Parlamento". E o seu humor. "Mesmo nos momentos máis tensos do debate facía rir a aqueles que o combatían con carraxe". "Bautista defendeu a nosa nación sen titubeos e loitou pola súa xente até o último min da súa vida", concluíu. 

Traballo parlamentar

A profesora e escritora María Pilar García Negro interveu a continuación para salientar a "eficacia" do traballo parlamentar do que fora presidente da UPG. Como deputada, foi compañeira de Álvarez no Parlamento. Cando en 1989 o BNG conseguiu grupo propio, "eramos só cinco para moitas tarefas, mais o traballo fixo que case se triplicase o número de escanos en 1993".

"A sólida formación xurídica, o rigor das súas intervencións e o humor e dignidade desacomplexada fixérono acredor do respecto e admiración dos adversarios políticos", apostilou.

Bautista e o partido

O ensaísta Francisco Rodríguez reparou no 40 aniversario do BNG e no papel fulcral de Bautista nesta formación. "Representa a persoa que está na orixe do nacionalismo de posguerra e o gran sustento do nacionalismo que chega aos nosos días. Desde que Bautista descubriu o seu propio pobo, Galiza, levou sempre dentro da súa conduta, pensamento e moral a idea de que tiñamos que lograr que Galiza fose un país normal e digno", relatou.

Cando xa estaba nunha UPG desenvolvida, "con capacidade orgánica e unha fundamentación marxista, gostaba de lembrar que antes que a Marx xa levaba a UPG a Castelao no seu ideario".

"O nacionalismo é a formulación política da loita de clases e Bautista sempre o estaba lembrando. Tiña vontade de permanecer ante todo tipo de desesperanzas ou momentos críticos", acrecentou.

Álvarez e a Unión da Mocidade Galega

No mesmo bloque de intervencións, a deputada nacionalista Iria Carreira rememorou o Bautista mozo. "Tiña case a mesma idade ca min cando redactou os puntos programáticos que supuxeron o punto de inicio da UPG", sinalou a nacionalista, quen engadiu que "sempre tivo a mirada posta na mocidade". "É traballo de todas nós manter acesa a chama e vivas as palabras de Bautista, e seguir espallando o seu inmenso legado", continuou.

Neste sentido lembrou o discurso de Bautista Álvarez nos 25 anos da Unión da Mocidade galega (UMG): "Somos puntos suspensivos da historia (...) fixeron historia, e non son historia, os mártires de Carral, as Irmandades da Fala e o BNG... todos nós estamos a facer historia", parafraseou Carreira a Bautista Álvarez.

Teórico do nacionalismo

O presidente da Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas, Roberto Vilameá, referiuse á "mellor homenaxe" que se lle pode facer Bautista Álvarez "para que acade a súa obra". Non é outra, dixo "que seguir a traballar polos seus ideais. A súa obra estará inacabada a menos que nós contribuamos duramente a acadar aquel obxectivo que el sempre citou: que a autodeterminación sexa lograda".

Ademais, puxo de manifesto a importancia das tres obras de Bautista publicadas pola Fundación Terra e Tempo, e avanzou que a entidade publicará nos próximos meses un volume inédito editado en colaboración da familia de Bautista, unha escolma de relatos sobre o seu paso pola prisión que afondan, ao tempo, na teoría política.

Referente inconformábel

O feche do acto correu a cargo do secretario xeral da UPG, Néstor Rego, que nunha intervención telemática destacou a coherencia e a absoluta dedicación de Bautista Álvarez "á causa máis nobre e máis xusta, a causa dunha patria libre  e dunha Galiza ceibe e socialista".

Rego trouxo á memoria as palabras de Bautista en 2014 no 50 aniversario da UPG, cando se referiu a esta formación como "a única organización política galega en activo despois de medio século co mesmo nome e baixo o mesmo ideario".

El non só acompañou esa traxectoria colectiva senón que foi "artífice fundamental dela", afirmou, como presidente da UPG, como dirixente do BNG, como deputado na Cámara galega e "sempre coa preocupación de acertar coas análises e propostas de maneira que o movemento nacionalista fose dando pasos firmes".

"Sempre con confianza total no noso pobo, con absoluta honestidade e permanente lealdade a Galiza e ao nacionalismo". Foi esa traxectoria impecábel, concluíu, o que converteu Bautista nun referente inconformábel do nacionalismo e da política galega. Foino e continúa a selo hoxe".  

Comentarios