“Bautista morre nunha Galiza sen poder e sen normalidade”

A Francisco Rodríguez a noticia da morte do seu camarada e amigo Bautista Álvarez, “o tesón, a vontade, a convicción”, sorprendeuno no cemiterio coruñés de San Amaro rematada a homenaxe a Pedro Galán Calvete esta mañá. “Era unha noticia en certo modo esperada”, recoñece o ex deputado e ex secretario xeral da UPG que mantiña unha relación de amizade e compromiso compartido, “un trato próximo e unha convivencia moi sincera” con Bautista Álvarez desde 1974.

[Imaxe: Xaquín Soliño] Francisco Rodríguez
photo_camera Francisco Rodríguez. [Imaxe: Xaquín Soliño]

“Era esperada pero non deixou de causarme certa emoción”, conta por teléfono desde a súa casa horas despois. “Hai unha cousa que me doe. Bautista morre nunha Galiza que non ten poder propio, que está totalmente desasistida de normalidade e que non ten estruturas propias dunha sociedade vertebrada e que acredite en si mesma. E o inicio da súa militancia política e da súa preocupación foi nestas mesmas circunstancias…”.

“O primeiro que me vén a cabeza é a vontade e o tesón con que Bautista se sentiu sempre nacionalista galego, e cunha convicción a proba de bomba, alleo a calquera circunstancia que atacara ou hostilizaba esa condición súa de galego consciente. Véxoo baixo unha luz que alumea moito a súa resistencia persoal e individual. Véxoo como alguén que tivera unha convicción que debera guialo até o final, cunha gran fortaleza de espírito”, di Francisco Rodríguez con voz queda.

No plano político, Rodríguez recorda que Bautista Álvarez volveu de Madrid en 1974 coa decisión de entregarse á causa da construción do movemento nacionalista en Galiza. E sinala que a súa figura “representa o inicio e a continuidade da UPG”. “El estivo na fundación de algo que non era un partido, que no ano 64 era unha aspiración moi abstracta”, precisa Rodríguez, “e mantivo a permanencia e participou na estruturación da UPG coma un auténtico partido político definindo a súa ideoloxía e, á vez, a súa práctica social: fixo dun ideal abstracto unha práctica política concreta”.

En canto á pegada nos seus amigos, no plano persoal, Francisco Rodríguez recoñece que “para as persoas que convivimos con el, Bautista representa o mellor da UPG e, tamén, representa as nosas limitacións”. E deseguido explica que Bautista Álvarez exemplifica “o esforzo persoal e colectivo de moitas xeracións para que o nacionalismo fora unha realidade na Galiza”, e que, no referido ás limitacións, elixiu levar adiante uns ideais “sen considerar ter unha estabilidade económica e familiar ou integrarse nos círculos de poder ou de intereses”.

Malia a constatación da realidade política do país nestes momentos, Francisco Rodríguez cree que houbo avances aos que contribuíu Bautista Álvarez, e sinala que “hai un movemento nacionalista vivo, socialmente articulado e con moitos máis nacionalistas e conciencia nacional que cando el comezou”. Porén, láiase o ex deputado de que “nun país normal” a figura de Bautista Álvarez non só sería recoñecida polos nacionalistas, senón que tería un amplo recoñecemento social.

Finalmente, Rodríguez apunta os dous aspectos do legado político de Bautista Álvarez. “O legado fundamental é, por unha banda, a constancia e a fidelidade a un proxecto político, esa fe en Galiza como nación que callou, e eu penso que vai ser, nas xeracións posteriores ás nosas. E por outra, quedan as análises da realidade de Galiza desde unha perspectiva marxista leninista moi ortodoxa. E foi quen de mesturar o patriotismo aceso cun marxismo ortodoxo, e facelo dunha maneira equilibrada sen que ningún dos dous predomine sobre o outro e os dous sexan a base do seu pensamento”.

Rodríguez lembra os anos finais da ditadura e a época da transición como “un tempo voraz no que as présas e todo se botaba enriba…”, e sinte que naqueles anos Bautista Álvarez sacrificara a súa saúde ao deber.