As bases decidirán se Compostela Aberta goberna en minoría ou con pactos

Martiño Noriega asume que na etapa que se abre “teremos erros e acertos” mais ninguén poderá “dubidar do noso compromiso” e da “ilusión”.

Martiño Noriega, Compostela Aberta, municipais 2015, mitin Capitol
photo_camera Martiño Noriega, Compostela Aberta, municipais 2015, mitin Capitol

Martiño Noriega, o candidato da lista máis votada nas eleccións municipais en Santiago, Compostela Aberta, afirmou nunha comparecencia de imprensa que “o que toca agora” é convocar as bases sociais deste proxecto para que elas opinen e decidan “a estratexia de futuro”, en referencia a se gobernar en minoría ou ben con pactos. “O primeiro é valorar na casa, valorar entre toda a xente, e logo establecer unha interlocución co resto das forzas políticas representativas conectadas coa necesidade de construír outra etapa” na cidade. CA obtivo nas eleccións deste domingo 10 edís, por 9 do PP, PSdG 4 e BNG 2.

Noriega lembrou que até o 13 de xuño non se constitúen as novas corporacións, polo que até entón ábrese un período no que o que toca, dixo, é “dialogar, falar e participar”. Neste camiño, anunciou que se convocará as bases para “facer valoración dos resultados e da estratexia de futuro”, resaltando a importancia do “método participativo” de Compostela Aberta. “É o que nos dá razón de ser tanto no programa como no acción”.

“Evidentemente”, afirmou, nestas semanas tamén haberá que “dialogar” con “todas as sensibilidades que entendan que é necesario cambiar a realidade política da cidade” e “abrir unha nova etapa”. Mais aprazou até despois da asemblea de CA a definición da “política de pactos”, garantindo que intentarán “mediante o diálogo, dotar dun modelo de gobernabilidade estábel á cidade”.

“Mais, a maiores da decisión que teña que tomar Compostela Aberta, moitas veces este tipo de cuestións non dependen dun, como na vida, como no amor, dependen de varias persoas e ese é un proceso que iremos decantando nas vindeiras semanas”, manifestou.

Comentarios