Ayuso marca a liña do PP de Rueda e a súa intervención en Vigo algarea as redes

A presidenta madrileña desembarca na fin de campaña do Partido Popular na Galiza como estrela mediática da dereita pura e dura e cun discurso ‘spainsplaining’ que xerou unha vaga de críticas e reaccións.

ayuso rueda
photo_camera Ayuso e Rueda estq uinta feira en Vigo (Foto: PP)

Que o PP galego centre as súas esperanzas na recta final de campaña en Isabel Díaz Ayuso e o seu discurso dereitista e turbocentralizador fala ás claras de como o adxectivo que en tempos os populares da Galiza se preocupaban de resaltar, galego, é agora un apéndice máis en minúscula que nunca.

A presidenta madrileña desembarcou en Vigo arroupada con admiración polo candidato do PP e presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e toda unha cohorte de cargos populares. Ayuso, tal e como se esperaba, foi máis Ayuso que nunca e aproveitou para atacar o nacionalismo e a esquerda, e marcar a liña do PP, tamén do galego, carente de autonomía propia.

En Vigo reivindicou “pasear entre eucaliptos”, chamou ‘bahía’ á ría de Vigo e mesmo defendeu o AVE Lisboa-Madrid que supón fechar nun caixón a alta velocidade entre a capital portuguesa e Vigo. Fíxoo sen complexos, como indiferente ás consecuencias dunhas declaracións que axiña algarearon as redes sociais.

Usuarios e usuarias ironizaron sobre se o discurso de Ayuso procuraba a mantenta que o PP non gañase as eleccións na Galiza (para poder así substituír Alberto Núñez Feixoo) ou ben era unha obra mestra do ‘spainsplaining’: vir desde a capital español a Galiza a explicarnos todo o que hai que facer (e todo o que non) na Galiza. Polos aplausos dos asistentes, o público semellaba encantado con que Ayuso desembarcase na Galiza para dicir como hai que cortar o bacallau.

Ao mitin na Estación Marítima de Vigo, non faltou o edil e ex alcalde de Lalín Rafa Cuiña ou o ex presidente do Celta, Carlos Mouriño, entre outros.

Máis en Sanxenxo

Esta sexta feira Ayuso continuou o seu ‘tour’ pola Galiza, desta volta en Sanxenxo e nun almorzo con empresarios no Real Club Náutico de Sanxenxo (RCNS), onde estivo acompañada do alcalde, Telmo Martín. A presidenta madrileña instou a "fechar a porta definitivamente" aos nacionalismos "que queren destruír España", polo que, nestes comicios, avisou, os galegos teñen que "elixir" entre a "liberdade" ou o "nacionalismo".

A presidenta da Comunidade de Madrid, na súa intervención, agradeceu a esta localidade pontevedresa por acoller "con tanto agarimo" o rei emérito, Juan Carlos I, durante as súas estancias para regatear.

"A cita que os galegos teñen sobre as urnas este domingo é de vital importancia, non só porque está en xogo elixir un presidente ou outro para Galiza, senón sobre todo porque hai que elixir entre dous modelos moi distintos ", incidiu Ayuso.

Un deles, engadiu, é o "da liberdade" e outro é do "nacionalismo". Estar nunha Galiza con catro anos de "prosperidade e de apertura" ou, pola contra, o "nacionalismo", para que o proxecto de "desmembramento de España" que se articula "desde Moncloa" siga "a un ritmo imparábel". "En España non fai falta máis nacionalismo", continuou, "non máis empobrecemento" da sociedade, dos autónomos, das empresas, do emprego, da unidade.

Comentarios