18-F | Vídeo

"Me gusta la fruta" e a "inmensa sorte de pasear entre eucaliptos", as 'perlas' do mitin do PP con Ayuso

"Ollo co nacionalismo, que alá onde se instala, non sae!", proclama a presidenta de Madrid.
Isabel Díaz Ayuso desprazouse até Vigo para arroupar a candidatura de Alfonso Rueda. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Isabel Díaz Ayuso desprazouse até Vigo para arroupar a candidatura de Alfonso Rueda. (Foto: Nós Diario)

A presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, advertiu esta quinta feira que as eleccións galegas do próximo domingo son "transcendentais" para Galiza pero tamén para o Estado español, tendo en conta que, denunciou, "queren afundir" Galiza no "nacionalismo" para dar continuidade a "un proxecto de desmembramento de España perfectamente organizado desde A Moncloa". Ayuso desprazouse a Vigo para arroupar no tramo final da campaña o aspirante popular, Alfonso Rueda, e lanzou esta mensaxe nun mitin na Estación Marítima de Vigo, cunhas persoas e ao que non faltou o edil e ex alcalde de Lalín Rafa Cuiña. Fillo de Xosé Cuiña, quen fora conselleiro de Manuel Fraga, deixou o PP anos atrás e chegou a ser rexedor da súa localidade natal baixo as siglas de Compromiso por Galicia.

No acto tamén houbo espazo para o 'fenómeno fan' e unha señora seguiu a intervención da presidenta madrileña cun cartel de 'Me gusta la fruta'. Antes do candidato Alfonso Rueda, a dirixente madrileña cargou contra o xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez, de quen afirmou que nin el nin o PSOE "teñen ilusión por gañar" senón "rabia de que o faga o PP". E á marxe da froita, Ayuso deixou outra 'perla' que non pasou desapercibida nas redes sociais: "Quero saber que cando teña a inmensa sorte de camiñar entre eucaliptos, entre miradoiros, aínda o farei na casa, en Galicia".

"E van facer o que faga falta sen valores e sen principios. Ao servizo do nacionalismo. Só ao servizo do BNG, é dicir: corruptela, impunidade e poder. Iso é o único que os move a todos", aseverou, antes de lanzar unha advertencia: "Ollo co nacionalismo, que alá onde se instala, non sae!". E se no mitin advertiu de que "non hai nacionalismo sen o seu sicario á beira", tachou a Sánchez de "caradura" co argumento de que, "despois de perder España enteira", aínda se atreve a dicir "que Alberto Núñez Feixoo está a xogarse o seu futuro" na Galiza. "Pero terá cara dura!", recalcou, entre aplausos.

E cargou tamén contra o resto de forzas de esquerdas, empezando pola que lidera a vicepresidenta "comunista" Yolanda Díaz, Sumar, moi crítica co "cóctel" que pretenden articular na Galiza, do que enumerou varios "ingredientes". "Comunismo de base para apropiarse do traballo alleo, que lles encanta vivir dos demais, cunha dose de terror para infundir medo e impoñerse pola vía fácil, ben aderezado co nacionalismo para construír falsas identidades e decidir quen é bo e mal galego. E unhas pingas de socialismo para repartir pobreza e superioridade moral, que se lles dá de fábula", agregou.

"Nos gusta la fruta!"

Encargada de abrir un mitin abarrotado, a presidenta do PP local, Marta Fernández-Tapias, quen revelou nos primeiros compases da campaña que deixaría a política tras o 18-F, presentou entre aplausos a Díaz Ayuso. "Nos gusta la fruta en Vigo y en Galicia!", proclamou. Fernández-Tapias reivindicou Ayuso como unha política "valente" e instou Rueda a prepararse porque, a partir do domingo, asegurou, está chamado a "escribir unha nova páxina da historia da Galiza". Farao, advertiu, porque o país "non quere nacionalismos".

"Por suposto que non! Aquí non queremos aos socios de Bildu, non queremos a ERC, a eses que se disfrazan de corderitos pero que logo se conviernte en lobos. Que ocultan o seu programa electoral. E por que o ocultan? Porque son independentistas, e iso é o que non queremos. Non queremos un multipartito de esquerdas cun PSOE que vai á deriva, que está en caída libre e que xa non sabe a que agarrarse", avisou.

Como teloneira interveu tamén a número dous de Rueda pola provincia de Pontevedra, a viguesa Patricia García, quen cargou contra a esquerda e afirmou que chegou a sentirse "atacada como empresaria". Ademais de pór en dúbida as promesas dos seus rivais políticos, tivo unha mensaxe de ánimo para Fernández-Tapias.

Así, desexoulle "o mellor". "Sei que deixas voluntariamente a política, pero aquí vai seguir o teu equipo e es unha valente, Marta, es unha valente", aseverou, antes de concluír cunha chamada para acudir todos ás urnas o domingo para dar ao líder do PP a súa primeira maioría absoluta.

Comentarios