O ataque de Caballero ás listas de Leiceaga e Ferraz lastra as opcións do PSdeG

As augas continúan a baixar turbas no PSdeG a apenas un mes das eleccións galegas. A frente interna enléase para Leicega, que o 25 de setembro aspira á segunda praza e a liderar un goberno alternativo a Feijóo. O comité provincial de Pontevedra, afín ao alcalde de Vigo, apresentou un recurso contra as listas provinciais, previamente alteradas polo aparato federal do partido. Non ten ningún viso de prosperar: é só un torpedo político á liña de flotación do sector leal a Pedro Sánchez.

Leiceaga fixo un repaso da situación do emprego en Galiza. Foto: Irene Pin
photo_camera Leiceaga. Foto: Irene Pin

A presenza nas listas de Gonzalo Caballero, besta negra do alcalde de Vigo e político que se deu a coñecer ao público galego como tertuliano habitual da televisión do rotativo coruñés La Voz de Galicia, foi considerada unha declaración de guerra por Abel Caballero. O mermado aparato do PSdeG -ao fronte do cal, segundo as fontes consultadas por Sermos, continúa o demitido secretario xeral José Ramón Gómez Besteiro- só controla as provincias de A Coruña e Lugo, polo que apenas puido candidatar Gonzalo Caballero por Pontevedra grazas á intercesión de Ferraz. Mais nada detén o alcalde de Vigo, disposto a lanzar unha batalla interna sobre a confección das listas na súa provincia a apenas un mes de que se vaia votar.

Non é só Caballero -que a pasada sexta feira ergueu previsibelmente a bandeira localista ao afirmar que a proposta de listas marxina a cidade de Vigo-, é tamén todo o aparato do PSdeG na provincia, a comezar pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e polos alcaldes da formación socialdemócrata. O pulso a Leiceaga é inédito. O sector crítico cuestiona que a comisión xestora non fixera pasar a proposta das listas polo Comité Nacional do partido e critica que as candidaturas foran alteradas por Ferraz. A estas críticas únese tamén o ex secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, desde o seu feudo de Ourense.

Nada detén o alcalde de Vigo, disposto a lanzar unha batalla interna sobre a confección das listas na súa provincia a apenas un mes de que se vaia votar

A efeitos práticos dificilmente a campaña de Caballero contra as listas ultrapasará a condición de pataleta. Ninguén cre que a estas alturas a comisión federal, o órgao competente para o facer, vaia modificar a composición das candidaturas. En realidade, o que hai de fondo é unha batalla polo control do partido na Galiza. O sector de Caballero traballa para que a dupla Pilar Cancela-Xaquín Fernández Leiceaga non se consolide ao fronte da organización e iso pasa por dinamitar as súas opcións eleitorais cara ao 25 de setembro. No sustrato da loita está tamén o combate precongresual que xa vive o PSOE, con Caballero aliñado con Susana Díaz e Cancela-Leiceaga nas fileiras de Pedor Sánchez.

De acordo con todos os inquéritos, o PSdeG-PSOE disputará á candidatura da Marea a condición de segunda forza o 25 de setembro e, consecuentemente, a cabeza dun hipotético goberno alternativo ao de Feijóo.

Comentarios