Recrúa a lea interna no PSdeG

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, súmase ás críticas de Abel Caballero contra Leiceaga polas modificacións das listas. “Non respecta a democracia”.

PSdeG

Que o feito de que Ferraz modificase as candidaturas ás autonómicas do PSdeG aprobadas nos comités provinciais para introducir nomes próximos á xestora galega ía ter consecuencias era algo que se daba por descontado. O difícil é prever o alcance do malestar con esa decisión, que nestas horas estase a estender poñendo o PSdeG ás portas dunha monumental lea interna cando fica un mes para as eleccións.

O primeiro en protestar publicamente foi o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a cidade coa agrupación socialista máis grande de Galiza. Caballero acusou Leiceaga de marxinar Vigo na configuración das listas e advertiulle que non estaba disposto a permitir iso. Ao rexedor próelle, e non pouco, que entre as modificacións feitas por Ferraz estea a de colocar a Gonzalo Caballero, co que leva anos duramente enfrontado, de número 5 na lista do PsdeG por Pontevedra.

Mais non só protestou Caballero. Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, acusou o candidato socialista á Xunta de practicar “a vella política” e de “non respectar a democracia cando perde”. As candidaturas aprobadas polos comités provinciais de Pontevedra e Ourense non eran do gosto dos partidarios de Leiceaga, pois excluían as persoas cercanas a este sector e daban ampla representación aos críticos.

Rebelión de alcaldes

Ademais, 14 dos 17 alcaldes do PSdeG na provincia de Pontevedra manterán en breve unha xuntanza da que podería saír unha expresión pública do seu malestar para coa decisión adoptada polo Comité Federal do PSOE de modificar as candidaturas. Son os 14 rexedores que subscribiran un escrito pedindo a Ferraz que non modificase as listas, algo ao que, e os feitos así o amosan, desde a dirección socialista española ben pouco caso lle fixeron.

Mais este malestar non se focaliza unicamente na provincia de Pontevedra. Tamén en Ourense hai malestar en certos sectores polos retoques introducidos na candidatura. Un malestar que se concretou en que nin Raúl Fernández, nº2 da lista e líder do PsdeG na provincia, nin María Quintas, tamén integrante da candidatura, acudiron á presentación da mesma en Compostela. Fernández e Quintas son representantes do sector máis cercano a Pachi Vázquez, ex-secretario xeral do PsdeG. 

Comentarios