Arrinca a comisión de investigación das caixas após cinco meses de ser aprobada

Est terza feira os grupos parlamentares aprobarán o plan de traballo. O presidente da Xunta comparecerá mais o PP advirte "a comisión non se vai converter no que non é"

Nuñez Feijóo con J.L Méndez e J.F Gayoso [Imaxe: Xunta]
photo_camera Nuñez Feijóo con J.L Méndez e J.F Gayoso [Imaxe: Xunta]

Para o Partido Popular a comisión de investigación das caixas "é de estudo" e non se converterá "no que non é". Así de tallante se amosou o portavoz parlamentar popular, Pedro Puy, en comparecencia de imprensa ao ser inquirido pol@s xornalistas. Desde o BNG denuncian que @s populares impoñan "unilateralmente o seu plan de traballo" e rexeiten as propostas achegadas polos demais grupos da oposición. Aliás, critican o proceder na creación deste organismo parlamentar de carácter non permanente. 

Cinco meses para aprobar unha folla de rota
Segundo expresou Francisco Jorquera, a comisión constituiuse "tarde, mal e arrastro" e o certo é que a súa solicitude data de decembro de 2012 e non será até esta terza feira cando conte cun plan de traballo e encete as encomendas paras as que foi creada. No entanto, até aí discrepan goberno e oposición. Para o voceiro popular a "comisión é de estudo" e o "lóxico" --ao seu entender-- é que conte cunha ampla presenza de "técnicos". En troca, as demais forzas polítcas procuran na investigación sobre o proceso de fusión e bancarización das caixas de Galiza se deiten responsabilidades mesmo políticas. 

Francisco Jorquera criticou que a comisión se consituise "tarde, mal e arrastro" após cinco meses da súa aprobación

Neste senso, os grupos da oposición solicitaban nas súas propostas aos plans de traballo que pola comisión pasasen conselleir@s de economía, ministr@s e mesmo presidentes da Xunta de Galiza para botaren luz sobre as decisións que desde as administración puidesen ter a ver con escándalos como as millonarias indemnizacións dos ex-directivos ou a venda fraudulenta de produtos financeiros. 

Vetadas boa parte das comparecencias 
"A comisión non se vai converter no que non é" espetou Pedro Puy perante os medios de comunicación. Malia que desde o Partido Popular defenden a comparecencia de Alberto Núñez Feijóo en calidade de líder do executivo galego, non están dispost@s a facer maiores concesións a BNG, AGE e PSdeG. Así, a mesa da comisión --conformada maioritariamente por representantes do PP-- rexeitou os plans de traballo achegados pola oposición e apoiou, tan só, a proposta presentada polo Partido Popular. 

Pedro Puy advertiu que "a comisión é de estudo" e non se convertirá "no que non é"

É "froito dunha imposición unilateral" denunciou o nacionalista Francisco Jorquera quen apelou a un "cambio de actitude" nas filas do partido maioritario para reconsideraren as propostas dos demais grupos. Desde o PP, queren impedir mesmo a presenza do fiscal superior de Galiza, Carlos Varela --actualmente á fronte da demanda colectiva presentada polo calote das preferentes. "Unha persoa que pode aportar datos moi interesantes" retrucaron desde o Bloque. 

Só unha portavoz d@s afectad@s pola fraude das preferentes pasará pola comisión. O Bloque exixe que sexa un abano máis amplo o que represente esta estafa, a comezar polo fiscal Carlos Varela

Porén, tampouco foron tomadas en consideración as comparecencias dos fillos de José Luís Méndez ou d@s representantes de Adicae e Agaprofi. Malia a actitude da mesa da comisión e as denuncias da oposición, Pedro Puy amosouse disposto "a que se incorporen máis propostas" pois asegurou que non "hai ningún rodete" nas decisións do PP. Iso si, matizou, "non se poden satisfacer todas as demandas". 

A voz das preferentes, unha voceira ligada ao PP
Entre as críticas do BNG, Francisco Jorquera salientou que o plan de traballo presentado polo Partido Popular "ó contempla a presenza dunha representante" das plataformas de afectad@s polas participacións preferentes e subordinadas. En troca da proposta nacionalista que visaba pola comparecencia dun abano amplo de estafad@s, desde o PP apostan por unha única voz que, aliás, ten moito a ver coa súa formación política. 

Jorquera asegurou que "o bloque non criminaliza a ninguén, menos a unha portavoz, pola súa militancia" mais consideran “total e absolutamente impresentábel” que só unha persoa compareza e que se vete a outr@s moit@s afectad@s. 

Esta terza feira, decidirase finalmente cal será a folla de rota dunha comisión de investigación que ten visos de ter máis sombras cá luces desde un comezo. 

Comentarios