Aragonés quere pedir un acordo de claridade ao Goberno español para realizar un referendo

O presidente pide apoio político e social para pactar o seu contido, e interpela especialmente ao PSC e os comúns.
O presidente da Generalitat, Pere Aragonès. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente da Generalitat, Pere Aragonès. (Foto: Europa Press)

Un acordo de claridade para conseguir un referendo pactado, inspirado nos casos de Canadá e Quebec que estabeleza cando e como Catalunya pode exercer o dereito de autodeterminación. Esta foi a "proposta ampla de autodeterminación" que o presidente da Generalitat, Pere Aragonès, avanzou que fará durante o debate de política xeral para incluír “non só quen defende a independencia, senón todos os demócratas”, como dixera el.

A proposta toma como referencia directamente o proceso independentista de Quebec, que en 2000 conseguiu que o parlamento de Canadá aprobase unha lei que estabelecía as condicións a partir das cales as provincias canadenses podían realizar negociacións co goberno federal para chegar á independencia. Agora, aterrando a proposta en Catalunya, Aragonès pretende pactar co Estado español un marco normativo que permita a autodeterminación catalá .

Fai catro anos, durante o primeiro Debate de política xeral do presidente Quim Torra , os comúns xa propuxeron un acordo de claridade inspirado no caso canadense como forma de distanciarse da vía unilateral, pero nin ERC, nin Junts nin a CUP aceptaron.

Tamén foi a proposta do PSC no 2016 , que durou apenas unha semana , cando cambiaron o redactado do relatorio político que debían aprobar pola súa proposta sobre o crecemento soberanista. Agora Aragonès faise súa a proposta para conseguir "un referendo definitivo que permita traducir a decisión da cidadanía en consecuencias políticas".

Vía “máis rápida e eficiente”

"Non teño ningunha dúbida de que esta é a vía máis rápida e máis eficiente para volver votar", dixo Aragonès, que fixo referencia ás "aprendizaxes de outono de 2017 e ás dificultades que non nos permitiron ser independentes agora fai cinco anos”.

Reivindicou que era a vía para implicar a todos os cidadáns no referendo, e reforzouno con datos do Centro de Estudos de Opinión: “É a opinión de 90% dos votantes de Catalunya en Comú. É a opción de 73,7% dos votantes do PSC. E mesmo é a opción de 50% dos votantes de C’s.”

Dixo que é a forma de tecer complicidades internacionais e estableceu unha relación entre este hipotético referendo acordado e o referendo de independencia que os cidadáns defenderon na rúa hai cinco anos: “Só a lexitimidade dun referendo acordado pode substituír o que significou o Primeiro de Outubro”.

Segundo Aragonès, esta é a proposta que debe superar o bloqueo político e pór en marcha un novo ciclo político: “Un novo ciclo de proposta, de deliberación, de participación, de mobilización, de consensos e de resultados”.

Comentarios