2025, o ano 'límite' para a independencia de Catalunya

A ANC chama a materializar a independencia de cara ás eleccións ao Parlament de febreiro de 2025, dado que o Estado español "non ten intención de facer un referendo". Neses comicios apoiará unha "lista cívica" á marxe de ERC, Junts e CUP, tres formacións que, a ollos da Assemblea, "provocan unha gran decepción".
Manifestación independentista decorrida o pasado 12 de febreiro en Barcelona. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)
photo_camera Manifestación independentista decorrida o pasado 12 de febreiro en Barcelona. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)

A nova presidenta da Assemblea Nacional Catalana (ANC), Dolors Feliu, asegurou esta segunda feira que non ve posíbel que o Estado español permita a convocatoria dun referendo de independencia en Catalunya e fixou as próximas eleccións ao Parlament, que decorrerán como máximo en febreiro de 2025, como horizonte para a independencia.

"Se se puidese facer un referendo sería moi boa opción, pero non parece posíbel. Non podemos esperar unha cousa que o Estado xa dixo que non ten intención de que chegue. A idea é utilizar as outras ferramentas democráticas ao noso alcance, as eleccións ao Parlament", sostivo, nunha entrevista na Cadea SER.

Logo de mostrar a súa "decepción" polo primeiro ano desta lexislatura ao considerar que "52% dos votos independentistas non se reflicten", defendeu que toca "mover ficha" para saír do que, ao seu xuízo, é un "inmobilismo total" no ámbito independentista e en defensa da lingua.

Así, acusou ERC, Junts e CUP de non mostrar pulsión independentista e considerou que depende deles sumarse a un proxecto que teña este obxectivo: "Actualmente, no mundo independentista detéctase unha gran decepción con estes partidos porque non parece que teñan un proxecto claro", dixo, noutra entrevista en TV3.

Lista cívica

Ao preguntárselle se mantén a vontade de impulsar unha lista cívica independentista á marxe destes partidos, Feliu constatou que o prevé a folla de ruta da ANC e que hai moita xente implicada no activismo independentista, pero que a entidade quedaría á marxe.

A lista cívica "non sería a cuarta opción, senón a opción independentista"

"Estes tres partidos chamados independentistas non reflicten a vontade da independencia. Engadir unha lista cívica pola independencia non sería unha cuarta opción, sería unha opción independentista", defendeu.

Ao preguntárselle pola perda de forza da ANC, recoñeceu que nas eleccións ao secretariado da entidade votou menos xente, o que atribuíu ao ocorrido tras o proceso independentista e a pandemia do coronavirus, pero subliñou que o independentismo segue vivo: "Cando a xente vexa que hai esperanza, aí estará", dixo.

A nova presidenta da ANC, Dolors Feliu, e o seu vicepresidente, Jordi Pesarrodona. (Foto: Europa Press)
A nova presidenta da ANC, Dolors Feliu, e o seu vicepresidente, Jordi Pesarrodona. (Foto: Europa Press)

O catalán no ensino

Sobre a presenza da lingua catalá na escola, explicou que descoñece os últimos documentos nos que os partidos están a traballar tras a sentenza do Tribunal Superior de Justícia de Catalunya (TSJC) para que se imparta 25% de castelán, pero sinalou que desde a ANC reivindican "unha defensa clara do catalán, na liña de Plataforma per la Llengua".

"Non queremos un retroceso no tema da inmersión e do catalán como lingua vehicular", recalcou Feliu, destacando que estarán atentas ao resultado da negociación para dar a resposta que se requira.

Comentarios