Apróbase no Congreso unha moción do BNG para instar o Estado a recoñecer a incapacidade coa diagnose da silicose

Os nacionalistas buscan recoñecer a situación de Incapacidade Permanente Total ás persoas traballadoras diagnosticadas de silicose de primeiro grao.
Néstor Rego durante o debate desta terza feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Néstor Rego durante o debate desta terza feira (Foto: Nós Diario).

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, conseguiu que se aprobe a moción -consecuencia de interpelación á Ministra de Seguranza Social- relativa aos coeficientes redutores para a xubilación das persoas traballadoras do sector da extracción e a transformación da pedra, así como o recoñecemento de Incapacidade Permanente coa diagnose da silicose.

No concreto, a organización nacionalista logrou o voto afirmativo para que o Congreso inste o Goberno do Estado a que adopte as medidas e modificacións lexislativas necesarias para dar solución a estes problemas.

Medidas

Entre esas medidas está revisar os actuais coeficientes redutores asignados de modo que, cando menos, se equiparen os das categorías da minaría exterior (ao descuberto) cos da minaría interior regulados no Real Decreto 2366/1984, de 26 de decembro, sobre redución da idade de xubilación de determinados grupos profesionais incluídos no ámbito do Estatuto do Mineiro, aprobado polo Real Decreto 3255/1983, de 21 de decembro.

Alías, o BNG quere estender aos traballadores e traballadoras de empresas de transformación de mineral a asignación de coeficientes redutores para a idade de xubilación xa que os niveis de po e ruído son similares aos da industria extractiva como queda reflectido en diversos estudos e medicións realizados por organismos oficiais (Instituto Nacional de Silicose, Consellaría de Traballo da Xunta da Galiza…), sendo ademais un dereito recoñecido pola xurisprudencia.

Outra das medidas sería asignar, dentro do sistema da Seguridade Social, un código identificador das empresas que desenvolvan a súa actividade no sector da extracción e transformación da pedra (como son o granito e a lousa), para que nos informes de vida laboral se identifique automaticamente esa actividade, de modo que o traballador acredite unicamente o posto de traballo desempeñado e non a actividade da empresa á hora de efectuar o cálculo da idade de xubilación.

Trátase de evitar, indican, como sucede na actualidade, que o traballador teña que recorrer á solicitude individualizada de asignación de coeficientes de empresa por empresa.

Tamén, os nacionalistas buscan recoñecer a situación de Incapacidade Permanente Total ás persoas traballadoras diagnosticadas de silicose de primeiro grao, dando así solución á situación das persoas traballadoras que non poden acceder a outro posto de traballo exento de risco de exposición á inhalación de po silicótico dentro da mesma empresa.

Comentarios