Anuladas as primarias de Ourense en Común

Unha asemblea decidirá esta sexta feira se repetir o proceso -no que tomaron parte 1.500 persoas- ou ben se procurar outras fórmulas para configurar a candidatura. Acusacións mutuas de ‘carretaxe’. 

Mosquera
photo_camera Mosquera

Anuladas as primarias de Ourense en Común, un proceso do que saiu elexido Xosé Mosquera (Compromiso por Galicia) como candidato e que desde o principio xerou o malestar en certos sectores desta plataforma cidadá. Un malestar nalgunhas partes da maré que se plasmou nun informe do comité de Ourense en Común para ser debatido en asemblea, o que aconteceu na tarde desta cuarta feira. E a asemblea decidiu anular as primarias, nunha decisión que non fixo senón aumentar a polémica. Houbo 65 votos a prol de anular as primarias e 10 votos en contra e 6 abstencións. Unhas 80 persoas en total. No proceso de primarias tomou parte, segundo afirmaran daquela desde a propia formación, máis de 1.500 persoas.

Esta sexta feira volverá a reunirse a asemblea para decidir se convoca primarias ou se opta por configurar a candidatura para as municipais a través doutras fórmulas ‘menos participativas”.

A asemblea foi tensa, segundo fontes que tomaron parte na mesma, e con acusacións cruzadas de ‘carretaxe’ de votantes. As partidarias de validar as primarias cualificaron de “estrana interpretación da democracia” a proposta de anulalas. Insistiron en que Mosquera foi elexido nun proceso acorde co estipulado e que é candidato porque así o decidiu a xente que votou.

Os detractores insistiron na ‘carretaxe’ -algo que os partidarios de Mosquera tamén acusaron outras formacións- e que non era exemplo doutras formas de facer política. O exemplo de que un alcalde do PP recoñecese publicamente que votou nas primarias encendeu máis aínda o debate.

Tamén se incide desde algún sector en que nas primarias votaron persoas que non eran de Ourense, mais iso non estaba prohibido nos códigos da formación. De feito, noutras marés, como a de Compostela, tamén podía votar nas primarias xente non censada nese concello e iso non xerou polémica ningunha, sinalan. 

Comentarios