APELA A AVANZAR OS TEMPOS

Antón Sánchez desliza que podería liderar a candidatura alguén que non está agora na primeira liña da política

O coordinador nacional de Anova sinalou este sábado que “non se fala polo de agora de persoas” que encabecen a posíbel candidatura de En Marea ás eleccións galegas, aínda que deixou ver que podería liderar a lista unha persoa que non estea na primeira liña da política.

[Imaxe: @braisribeiro] Antón Sánchez
photo_camera [Imaxe: @braisribeiro] Antón Sánchez

Antes de participar na Coordinadora Nacional de Anova, Antón Sánchez apuntou diante dos medios que “non se fala polo de agora de persoas”, pois no seo de En Marea “aínda non se definiu” como será o proceso para a escolla de candidatos e candidatas. Porén, nas declaracións recollidas por Europa Press, deixou ver que o cabeza de lista podería ser alguén que non estea en primeira liña da política, “creo que hai moita xente, homes e mulleres que poden asumir esa responsabilidade e que, ao mellor, agora mesmo tampouco están na primeira liña da política”.

"Nin sequera Beiras vai estar por riba do proceso e el mesmo o di"

Preguntado sobre se el estaría disposto a asumir o liderado, o viceportavoz de AGE apuntou que “até o de agora”, na súa “corta experiencia política”, “nunca peguei ningún cobadazo para estar en ningún sitio”. Ademais, cuestionado pola influencia de Xosé Manuel Beiras á hora de elixir candidato ou candidata, Sánchez afirmou que “nin sequera Beiras vai estar por riba do proceso e el mesmo o di”.

O coordinador nacional de Anova apelou ás forzas que forman parte de En Marea a “poñerse de acordo polo menos nos prazos” á volta das ferias. “Como somos só unha parte dese movemento de unidade popular, tampouco podemos marcalos nós”, engadiu. Neste contexto, admitiu que “chega o momento en que o proceso ten que coller certa velocidade porque os tempos van apremiar”.

Conferencia política o 10 de abril na Coruña

Doutra banda, Anova deu conta nun comunicado de prensa que o proceso de asembleas locais para reforzar a organización culminará nunha conferencia política nacional que terá lugar o domingo 10 de abril na Coruña. O obxectivo: “estabelecer a liña política estratéxica no tocante ao proceso de acumulación de forzas e de confluencia” e “afortalar En Marea como suxeito político”.

Comentarios