Antón Sánchez, Carmen Santos e Ánxeles Cuña acompañan Villares como cabezas de lista de En Marea no 25S

Os diferentes sectores de Podemos logran 3 dos 5 primeiros postos pola circunscrición da Coruña e 4 dos 5 primeiros por Pontevedra. Anova logra o posto de saída pola Coruña e Esquerda Unida por Ourense.

marea constituinte vigo foto @DanielCuestaGz
photo_camera marea constituinte vigo foto @DanielCuestaGz

Luis Villares foi ratificado como candidato de En Marea ás eleccións do 25 de setembro co aval do 86% dos participantes no proceso de primarias, 8.804 votos sobre 10.143 en total. Estará acompañado por Antón Sánchez (Anova) como cabeza de lista pola Coruña, Carmen Santos (Podemos) por Pontevedra e Ánxeles Cuña por Ourense.

Na lista de Coruña, que lidera Antón Sánchez, vai de número 2 Luca Chao, do sector de Podemos crítico con Carmen Santos, e o terceiro posto é para o economista de CCOO Manuel LagoMagdalena Barahona, de Podemos e próxima a Carmen Santos, vai de cuarta. Pancho Casal (Podemos), María Miranda (Anova) e Xan Xove (Marea Atlántica) son os seguintes na lista.

A candidatura de Lugo é a que lidera Luis Villares, e de segunda na candidatura vai Paula Vázquez Verao, de Cerna. Victor Andrés Álvarez Arias, de Lugo Novo, vai de terceiro. María Isabel García Díaz vai de cuarta. Nas primarias foi na candidatura Rede de Mareas de Lugo

Pontevedra,  Podemos en 4 dos 5 primeiros postos

Carmen Santos, a secretaria xeral de Podemos, lidera a candidatura de En Marea por Pontevedra. No proceso de primarias saiu que o segundo posto da lista o ocupe Marcos Cal Ogando, de Podemos, mais do sector crítico. O terceiro posto é para Eva Solla, de Esquerda Unida. Juan Merlo Lorenzo (Podemos, próximo a Santos)ocupará o quinto posto na lista e Paula Quinteiro (de Podemos, crítica con Carmen Santos) o sexto. Xoan Hermida (Espazo, Marea de Pontevedra) vai de sexto e Mariano Abalo (FPG), de 8.

En Ourense o segundo posto da lista vai ser para David Rodríguez (Anova) alcalde de Manzaneda. A candidatura lidéraa Ánxeles Cuña, de Sarabela Teatro e que concorreu nas primarias pola lista Somos Marea (na contorna de EU). María Eva Gutiérrez ocupará o terceiro posto. Presentouse nas primarias na candidatura Somos Quen, que lideraba David Rodríguez. No cuarto posto, Pérez Bouza, até hai uns meses en Compromiso por Galicia e que tamén foi na lista de Somos Quen

Estes son os resultados provisionais dun proceso de primarias no que tomaron parte 10.143 persoas. Os definitivos daranse a coñecer mañá, unha vez finalizado o período de alegacións.

Comentarios