Anova convoca unha Conferencia Política para reforzar a "soberanía" das mareas locais

Será o 17 de febreiro en Teo. Apostar na maior autonomía das confluencias locais é unha focaxe distinta á aquela coa que traballa Luís VIllares, quen se inclina por avanzar na articulación dun único suxeito político. 

Antón Sánchez
photo_camera Antón Sánchez

Unha constelación de mareas municipalistas con "soberanía política". Esa semella a opción de Anova e o discurso que anima a formación liderada por Antón Sánchez a convocar unha Conferencia política o 17 de febreiro en Teo, concello que ten como alcalde un dos dirixentes da organización, Rafa Sisto.

"A xornada de debate", esclarece Anova nun comunicado, vaise centrar "no traballo político a desenvolver para reforzar a soberanía política das mareas municipalistas e impulsar a estratexia de Unidade Popular no horizonte de 2019".

Esta liña difere sustancialmente da estratexia do núcleo de dirección de En Marea, liderado por Luís Villares, partidario de ir articulando o partido instrumental como un suxeito político con maior coordenación entre os territorios.

A Conferencia Política vén precedida da realización desde o pasado mes de decembro de diversas Xeiras [encontros para o debate] nas principais vilas e cidades do país, unha iniciativa que visaba tamén "facer unha análise compartida sobre a deriva autoritaria que vive o Estado español e debater sobre os proxectos de confluencia política nas que participa [Anova]".

.
Na orde do día da Conferencia Política está, por tanto, unha avaliación global do "momento político" e a análise da "axenda do cambio que impulsarmos as mareas municipalistas e os gobernos de Unidade Popular nos concellos galegos". Anova defende "ampliar" a "influencia política e social" das confluencias locais "como ferramenta estratéxica para desaloxar ao Partido Popular dos gobernos municipais e abrilos á participación da cidadanía como suxeitos de políticas de cambio político, social e económico no ámbito local".
 

 

Comentarios