28-M

Ana Pontón prognostica en Barreiros unha maioría absoluta para o BNG

A líder da formación acompañou Ana Ermida nun acto no que defendeu “o modelo municipal de éxito do Bloque”

Pontón e Ermida, hoxe en Barreiros (Foto: BNG).
photo_camera Pontón e Ermida, hoxe en Barreiros (Foto: BNG).

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, afeou o modo “mamporrero" no que considera que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fai oposición á súa formación, e asegura que está "nervioso ante o avance do BNG".

Pontón estivo hoxe en Barreiros, acompañando á actual alcaldesa e candidata á reelección, Ana Ermida, da que puxo en valor a súa capacidade "para abrir un tempo novo no concello no que a cidadanía por fin respira libre e orgullosa".

"Despois de 40 anos de PP, hoxe está en marcha o modelo municipal de éxito do BNG, sinónimo de calidade e de prestixio, que transforma en positivo e mellora a vida das persoas", sinalou.

Así, Pontón prognosticou que Ermida seguirá sendo "a mellor alcaldesa que nunca tivo Barreiros e con maioría absoluta".

"Imos ter un resultado histórico en Barreiros e no conxunto do país levando o noso modelo municipal a máis concellos ao longo e ancho da Galiza, e por iso o PP está tan, tan nervioso, diría que desatado, con Rueda en modo mamporrero atacando o BNG por terra, mar e aire, facéndome oposición porque mentres o BNG ten un modelo municipal de éxito que transforma en positivo e que mellora a vida das persoas, o PP non ten nada que ofrecerlle nin aos concellos nin á Galiza", sinalou.

"Como vai ter un modelo de país quen nin ten capacidade nin autoridade para dirixir o seu propio partido porque hai un Fitipaldi en Ourense que cala a boca?", argumentou a líder nacionalista.

Pontón insistiu en que, grazas ao modelo municipal do Bloque, Barreiros "logrou aumentar a súa poboación, recuperar unha xestión eficaz, transparente e con rigor, superar o descontrol económico, mellorar os servizos públicos, avanzar en infraestruturas básicas e desenvolver programas a favor das familias, da igualdade cun concello inclusivo".

"Onde gobernamos, transformamos, construímos concellos con calidade de vida que son exemplos”, concluíu.

Comentarios