Ana Pontón: "Xogámonos estar no tren das nacións ou baixar ao das rexións"
Dotar Galiza dun status político de nación para non perder o tren e ter "a chave dos seus cartos", así resume Ana Pontón unha das principais liñas de actuación do BNG, cuxa militancia vén de reelixila como portavoz nacional. A economía, os dereitos sociais, proxectos como o de Altri ou a situación dos medios públicos son algunhas das cuestións de actualidade que xorden ao longo desta entrevista concedida a Nós Diario.
—O domingo decorreu a Asemblea Nacional do BNG, onde se marcou o reto de gobernar e presidir Galiza. Cales son as claves para logralo?
Acabamos de realizar unha Asamblea Nacional que demostra a fortaleza da nosa organización. Dela sae un BNG máis preparado para afrontar estes retos. Temos o país nunha situación de emerxencia e neste momento, máis alá do labor de oposición que temos que facer nestes tres anos, debemos traballar para ter a capacidade de darlle a volta á situación que ten Galiza. Non vai ser fácil, hai poderes económicos e políticos que lle van pór moitos paus nas rodas ao nacionalismo porque somos unha alternativa transformadora, pero estamos na boa dirección, temos que seguir fortalecendo a organización, ampliando a nosa base social e electoral. Imos ter unha cita moi relevante, as eleccións municipais, que nos ten que permitir enraizar máis o proxecto nacionalista en todos os concellos. Trátase de seguir facendo un traballo social intenso, pero sobre todo de conseguir que os galegos e as galegas vexan que o mellor para o futuro da Galiza é o BNG.
—Estamos na "ponte da Constitución"... Precisamente as teses do BNG márcanse o obxectivo de dotar Galiza dun "status político de nación". En que se concreta? Que implica para quen nos está a ler un "status político de nación"?
Onte deixamos clara a nosa posición sobre unha Constitución que non avalamos, porque é un corsé para o desenvolvemento económico, social e para o noso recoñecemento como nación. Cando estamos falando dunha reconfiguración do status político da Galiza, o que estamos dicindo é que desde Madrid non vai haber unha solución para os problemas dos galegos e das galegas, que a temos que construír desde aquí. Temos un Estatuto que é un traxe que sempre nos quedou pequeno e hai que ir a un novo marco que nos recoñeza como nación e que nos dea a capacidade real para que as decisións máis importantes que afectan a economía, o desenvolvemento social, a lingua e a cultura as adoptemos na Galiza, sen tutelas desde Madrid. Iso é do que estamos falando.
Evidentemente, dentro deste status de nación hai un debate fundamental que é o do modelo de financiamento, porque detrás dese modelo non só hai unha cuestión sobre como se reparten os recursos económicos, que é moi importante, senón que tamén está a construción, digamos, de asimetrías dentro do Estado que se recoñecen ás outras nacións. Euskadi xa ten un concerto económico e Catalunya está camiñando cara a el... non nos podemos permitir que Galiza quede discriminada sen conseguir ese concerto que nos dea a chave dos nosos cartos. Sabemos que isto son debates e que neste momento onde os temos que gañar é no conxunto da cidadanía. Temos un Parlamento que ten as maiorías que ten, que van na dirección do centralismo, e temos que camiñar non só para dar o debate nas institucións, senón tamén na sociedade para que este sexa un tema no que os galegos e as galegas entendan canto nos estamos xogando neste momento: xogámonos estar no tren das nacións ou baixar ao tren das rexións.
—Alfonso Rueda oponse a un concerto económico e a solicitar a quita da débeda da Galiza co Estado. Que espazo hai para conseguiren estas dúas cuestións se Rueda non quere?
Temos un presidente desleal á Galiza, como demostra que se opoña a que a débeda da Galiza sexa máis pequena, a que nos fagan unha quita. É incomprensíbel, vai en contra dos intereses da Galiza. Ademais, hai un ano o Parlamento apoiaba facer unha quita da débeda. Que pasou polo camiño? Que unha vez máis desde Madrid marcan a axenda que ten que ter Galiza e o presidente da Xunta o único que fai é obedecer, porque todas as forzas políticas pedimos unha quita da débeda hai un ano, e agora o PP di que iso é prexudicial para os intereses. Isto é unha barbaridade. Imaxina que che descontan 20% da débeda na túa hipoteca... Ninguén se oporía. Hai unha maioría parlamentaria do PP que é un freo para o avance da Galiza. É un freo non só no que se refire ao desenvolvemento económico, social e cultural, senón tamén á hora de que a Galiza poida emerxer no Estado cun discurso propio que defenda os nosos intereses, porque eles son centralistas recalcitrantes.
Galiza non vive da solidariedade do Estado, é xusto ao revés, o Estado fai caixa con nós.
Por iso, a clave é o debate coa sociedade. Temos que dar o debate nas institucións, pero é máis importante que o deamos no conxunto da sociedade. Estamos a facer unha campaña explicativa sobre o concerto económico, porque os galegos e as galegas teñen que saber que nós non somos pobres, que Galiza non vive da solidariedade do Estado, senón que é xusto ao revés, é o Estado quen fai caixa con nós.
—Xunto ao financiamento outra cuestión clave na axenda do BNG é o idioma. Após coñecer a caída récord de galegofalantes, o Goberno galego anunciou que se abre a un pacto pola lingua. Iso si, Rueda dixo esta semana que non vía posíbel o pacto se o BNG seguía pedindo derrogar o decreto de plurilingüismo. Hai posibilidades de pacto?
Cando se nos convocou a un pacto pola lingua preocupoume ver que o presidente da Xunta non liderase ese proceso. Por tanto non sei se hai convicción na Xunta a respecto de se é necesario modificar substancialmente a política lingüística que se fixo neses anos, porque eses datos demoledores que publicou o Instituto Galego de Estadística non nacen da nada, son o resultado de 14 anos de políticas lingüísticas de acoso e derribo contra o galego que protagonizou o Goberno do PP.
Hai unha foto que exemplifica moi ben por que Rueda está boicoteando que haxa un acordo pola lingua. E é esa foto na que aparece participando dunha indigna manifestación contra o galego. Estamos nunha situación crítica na que o idioma necesita que se modifiquen as políticas que se viñeron facendo durante estes últimos anos e un piar fundamental é a derrogación dese decreto da vergoña. Non chega con só iso, pero é un paso imprescindíbel. Que o PP non queira pór sobre a mesa esa derrogación demostra que todo este proceso ten moito de paripé.
—Seguindo coa lingua, un dos axentes máis normalizadores que debera haber é a CRTVG. O PP oponse no Estado a reducir a maioría precisa para designar a dirección de RTVE, pero esta semana o Goberno galego aprobou un proxecto de lei no que reduce a maioría necesaria no Parlamento para designar o director da CRTVG, desta forma bastaría só cos votos do PP.
Se antes falabamos dunha situación de emerxencia lingüística, aquí vemos unha situación de emerxencia democrática.
A CRTVG está colonizada polo PP, utilízaa como o seu aparato de propaganda. E os galegos e as galegas non temos por que pagar 130 millóns de euros polo aparato de propaganda do PP. Esta semana deuse un paso que xa era anunciado, na dirección de eliminar as maiorías cualificadas para que tivese que haber un mínimo acordo e salvagardar a neutralidade dos medios públicos e o seu pluralismo. O PP, despois de 15 anos no Goberno, pensa que as institucións son del e utiliza a sede da Xunta para cargar contra a oposición, utiliza os medios públicos para seguir o argumentario do PP e todo isto menoscaba a democracia e as liberdades. Hai que seguir apoiando todas esas accións para liberar os medios públicos e devolvelos aos seus propietarios, os galegos e as galegas.
—O 15 de decembro haberá en Compostela unha manifestación contra Altri. Referíase antes a contrapor a idea de que Galiza é pobre. Altri empobrece? Que modelo ten entón para A Ulloa?
Altri exemplifica a falta de proxecto do PP: propoñen como gran proxecto de desenvolvemento económico unha celulosa, que era o modelo de Franco nos anos 60. É aínda peor que a imposta na ría de Pontevedra e ameaza 8.000 empregos directos, tanto na Ulloa como na ría de Arousa. Altri significa a destrución dun modo de vida nesa comarca, a destrución do corazón do rural deste país, seguir eucaliptizando Galiza e apostar por industrias contaminantes nun momento no que precisamos ir cara a un modelo de desenvolvemento sostíbel. Hai que parar Altri, é fundamental que esa mobilización sexa masiva, porque unha parte do futuro de Altri vaino decidir a Xunta, pero outra parte vaina decidir o Goberno central, que ten pendente se lle vai adxudicar ou non fondos Next Generation. Pediría tanto á Xunta como ao Goberno central, ao PP e ao PSOE, que non poñan en risco o futuro deste país, hai que paralizar xa ese proxecto megacontaminante, é unha bomba aberta no corazón da Galiza. E para que nos escoiten, temos que ser moitos e moitas na rúa.
Hai que parar Altri, é fundamental mobilizarse.
Eses 250 millóns de euros públicos que desexa a multinacional lusa deberíanse investir en recuperar o Ulla, que ten problemas de contaminación, en apoiar todo o tecido económico, desde a base produtiva ás pemes innovadoras, ou para recuperar a capacidade produtiva da ría de Arousa... Temos unha responsabilidade moi grande á hora de coidar o noso territorio.
Pontón, disposta a dar a batalla para que "haxa luz e transparencia"

Preguntada sobre a negativa do PP para que Alberto Núñez Feixoo compareza na comisión do Parlamento que investiga o sobrecusto do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo cando el era o presidente e mais os contratos da Xunta, Pontón sinala que "o PP está a impedir a función de control do Parlamento, boicotea unha comisión que analiza como se xestionan os recursos públicos, como se están a beneficiar empresas de familiares de cargos do PP". Que Feixoo non queira comparecer é “toda unha declaración de culpabilidade e imos ir até o final para que haxa luz sobre estes 15 anos de chanchullos do PP”.