Ana Pontón insta a investigar a xestión eólica da Xunta

O BNG acusa o Executivo galego de “perdoar” 11,7 millóns a Greenalia.
Ana Pontón con deputadas e deputados do BNG, en rolda de prensa ante a sede do Goberno galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón con deputadas e deputados do BNG, en rolda de prensa ante a sede do Goberno galego. (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar a constitución dunha comisión de investigación no Parlamento da Galiza para "aclarar" o destino de 11.600 millóns de euros que as empresas eólicas debían ingresar na facenda galega en concepto de monetización da poxa de 2010. Asemade, a formación nacionalista exixe información dos plans industriais desenvoltos en base a ese mesmo concurso.

A adxudicacións eólicas de 2010 estaban asociados á execución dun plan industrial ou no seu defecto á monetización do mesmo en función da potencia concedida pola Xunta da Galiza. Segundo se recollía no Diario Oficial da Galiza (DOG) de 28 de decembro de 2010, as compañías beneficiadas na poxa debían achegar ás arcas públicas arredor de 1.600 millóns de euros. Precisamente, a información fornecida pola empresa eólica Greenalia no marco dun litixio coa asociación ecoloxista Adega deixou ao descuberto que a Xunta da Galiza eximiu esta compañía do pago de 11,7 millóns de euros.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, referiuse onte precisamente a este caso, sinalando que “a Xunta perdoou a Greenalia, onde traballa recolocada a ex conselleira Beatriz Mato, 11,7 millóns de euros que tiñan que ir ás arcas públicas pero que hoxe están nas contas dunha empresa”. Nesta dirección, considerou o acontecido con esta compañía, a quen puxo como exemplo das portas xiratorias, como “a punta do iceberg” dunha práctica que favoreceu outras sociedades do sector. 

Pontón sinalou que “o Goberno do PP está traballando para as eléctricas e en contra dos intereses das galegas e dos galegos e,por se fose pouco, está perdoando ás empresas adxudicatarias de parques eólicos o desenvolvemento dos proxectos industriais vinculados a esas adxudicacións ou, no seu defecto, a súa monetización”. Neste sentido, apuntou que “é gravísimo que se lle estea regalando diñeiro a mans cheas ás empresas eléctricas”.

A nacionalista afirmou que “o PP traballa para as eléctricas cunha lexislación ad hoc, traballa para as eléctricas cando paraliza a Rede Natura, para facilitar a instalación de parques eólicos, traballa para as eléctricas cando vemos que se aproban proxectos que son anulados ou paralizados pola xustiza e cando vemos como dun xeito acelerado e con opacidade se dá barra libre ao espolio eólico aprobando un aluvión de parques”.

A xefa da oposición asegurou que a política eólica do PP “forma parte dunha auténtica estafa colectiva a este país, o PP está traballando para as eléctricas cun boom eólico depredador, en moitos casos con lexislación a medida e incumprindo a lei. Máis alá das responsabilidades penais, que debe dirimir a Xustiza, hai que exixir responsabilidades políticas no Parlamento, e o BNG non vai permitir este atropelo”.

O que oculta o PP

A líder do BNG rematou a súa comparecencia afirmando que “o PP ten moito que ocultar”. Nesta liña, explicou a comisión de investigación solicitada pola súa formación como unha resposta á negativa dos populares a fornecer información “sobre as razóns polas que se lles está perdoando ás empresas eléctricas o pago de indemnizacións que tiñan que ir ao erario público por non desenvolver plans industriais”.

Comentarios