O TSXG bota abaixo o concurso eólico do PP

Na sentenza sinala a "retroacción das actuacións á fase de valoración da oferta" após detectar que as puntuacións feitas "non se axustan a dereito".

Alto de Vilares_Ribeira de Piquín_Eólico
photo_camera Aeroxerador [Imaxe O.R.]

Varapau ao goberno de Alberto Núñez Feijóo pola xestión do ar galego. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de tirar por terra o concurso eólico deseñado polo Partido Popular e obriga a Xunta a re-iniciar o proceso de valoración dos proxectos após declarar as puntuacións feitas contrarias a dereito. 

O Superior de Xustiza obriga o goberno galego a valorar as propostas presentadas o que supón, de facto, reiniciar o concurso

Así o recolle esta terza feira o diario Faro de Vigo na información asinada polo xornalista Julio Pérez. Neste senso, a máxima instancia xudicial galega exixe a "retroacción das actuacións á fase de valoración da oferta" ao estimar a demanda presentada por unha das empresas que quedaron fóra, Capital Energy. 

A sentenza declara nula a adxudicación de 2.325 megavatios debido a que a fórmula elixida polo goberno para valorar os proxectos que concorrían ao concurso deu por bons mesmo propostas que non carrexaban ningún posto de traballo. E é que, dos 100 puntos totais, 55 medían "os investimentos do plan industrial e o emprego comprometido" mais os informes da comisión de valoración reflicten erros. 

A sentenza di que os criterios de valoración dos proxectos "non se axustan a dereito"

A demanda presentada por Capital Energu --daquela en mans de Amancio Ortega (Inditex)-- foi apoiada por unha ducia de empresas máis ás que agora o Superior de Xustiza dá a razón. 

Desde a Xunta de Galiza o conselleiro de Economía, Francisco Conde, aseguran que recorrerán a decisión xudicial perante o Supremo pois, defende, unha sentenza anterior do TSXG "dá validez a todos os criterios" e á propia actuación da comisión que, din, actuou con "total imparcialidade". Aliás, subliñan que a decisión do tribunal só cuestiona "un dos 14 criterios" que se manexaban no proceso. 

BNG pide a comparecencia de Feijóo

O portavoz parlamentar da organización frontista, Francisco Jorquera, tildou de "grave fiasco" o concueso eólico deseñado polo Partido Popular após a súa decisión "sectaria e irresponsábel" de tirar abaixo o do bipartito. Neste senso, Jorquera sinalou en comparecencia de imprensa após a Xunta de Portavoces que o Bloque exixe a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que explique a decisión xudicial e as consecuencias que carrexará para Galiza que, dixo, "apanda coas consecuencias" da xestión do PP sobre un recurso que, dixo, podía ser "ouro" para o país. 

Comentarios