Reivindica a vixencia de Castelao

Ana Pontón empraza a “fortalecer o músculo” do BNG

O BNG abriu o ano, como vén sendo habitual, cunha homenaxe a Castelao na súa vila natal no cabodano do seu falecemento.

_DSC0264peq
photo_camera Ana Pontón, en Rianxo

Rianxo acolleu na mañá do sábado o acto político co que o BNG homenaxea cada 7 de xaneiro Castelao, un dos homes imprescindíbeis da Galiza. “Sentímonos herdeiras e herdeiros dun pensamento e dunha tradición política máis necesaria que nunca, porque estamos vivindo tempos convulsos e confusos e, se algunha nación sen Estado precisa dun forte movemento nacionalista, esa é Galiza”, subliñou Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque, durante a súa intervención no acto político.

A asemblea nacional, no horizonte

A dous meses da asemblea nacional da formación política, que a dirixente nacionalista cualificou como “clave” para fechar o “longo proceso de posta a punto do proxecto nacionalista”, Ana Pontón chamou a “fortalecer o músculo e a capacidade de actuación do BNG como alternativa de futuro". Dixo que o obxectivo pasa por "darlle esperanza á maioría social do país" e por "contribuír a desmontar un sistema inxusto e desigual”. Neste sentido, apelou ao resgate das galegas e galegos, “fronte aos que nos queren conducir á irrelevancia, impoñendo un modelo que nos conduce a ser cada vez menos e cada vez máis vellos”.

A portavoz nacional do BNG puxo como exemplo do “modelo real de cambio” as medidas que desenvolve o Bloque nos concellos en que goberna. Pediu, a continuación, o apoio de quen están "fartos e fartas de sentirse indignadas e estafadas”. “É o momento do compromiso e do activismo, o momento de tomar as rendas confiando nas nosas propias forzas, no que somos e no que podemos ser”, engadiu.

Retos de 2017

Como cuestións prioritarias para 2017, Ana Pontón citou a defensa do estatus político de Galiza como nación, “nun momento en que está a debate o actual modelo territorial e institucional, esgotado”. E engadiu a necesidade de “contrarrestar un Feijóo campión da recentralización, que devolve competencias e rebaixa o noso status de nacionalidade histórica”.

O estatus político de Galiza como nación, un concerto económico e a loita contra a violencia machista, entre as prioridades do BNG para 2017

Un novo modelo de financiamento, baseado no concerto económico e que permita blindar os servizos públicos e sociais, foi outro dos retos imprescindíbeis que se marcou a dirixente nacionalista, que puxo enriba da mesa a necesidade de acadar un pacto galego contra a violencia machista. A este respeito, Ana Pontón sinalou que loitar contra a violencia de xénero “é un asunto clave na axenda do BNG”. Propuxo, entre outras cuestións, aumentar de 5 a 95 millóns a cantidade de fondos previstos nos orzamentos de 2017 para ese fin.

O resgate da AP9, para “acabar coa estafa das peaxes”, tamén se atopa entre as prioridades da formación nacionalista, que rexeita “novos atrasos na chegada dun AVE que outros territorios teñen desde hai décadas”.

Roteiro por Rianxo

O BNG completou a xornada de lembranza a Castelao cun roteiro por Rianxo guiado polo alcalde da vila, o nacionalista Adolfo Muíños.

Comentarios