70 europarlamentarias de até cinco grupos distintos asinan unha carta para protexer a costa dos pellets

A representante do BNG enviou a misiva á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, á presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, e ao presidente do Consello Europeo, Charles Michel.
Representantes da Eurocámara apoian a reivindicación de Miranda (Foto: Nós Diario).
photo_camera Representantes da Eurocámara apoian a reivindicación de Miranda (Foto: Nós Diario).

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, remitiu unha carta á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, á presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, e ao presidente do Consello Europeo, Charles Michel, denunciando a contaminación da costa galega causada polo vertido de millóns pellets procedentes do portacontedores Toconao.

En total, 70 eurodeputadas e eurodeputados pertencentes a cinco grupos políticos diferentes da Eurocámara (Verdes-Alianza Libre Europea, The Left, Socialistas, Renew e Non Inscritos) e procedentes de 24 nacións e Estados da Unión Europea (UE) asinaron a misiva. Entre as forzas de esquerda con representación polo Estado español, Sumar foi a única que non rubricou o texto remitido pola eurodeputada Ana Miranda

O documento, ademais de denunciar a contaminación causada polos microplásticos, tamén cuestiona a xestión realizada polo Goberno galego do Partido Popular. Neste sentido, Miranda sinala que a pesar de que o buque Toconao comezou a perder os pellets o 8 de decembro e de que comezaron a aparecer o 13 de decembro nas praias de Ribeira (Barbanza), "non foi até o 4 de xaneiro cando a Xunta da Galiza se puxo en contacto cos Concellos para dicirlles que era a súa responsabilidade facerse cargo da limpeza das praias".

A carta destaca, por outro lado, que "a costa galega é extremadamente vulnerábel, como se puido comprobar tras a catástrofe do Prestige, que serviu para aprobar o paquete de seguridade marítima", do que precisamente na actualidade se está negociando a modificación.

Propostas de seguridade

No documento, os deputados e deputadas do Parlamento Europeo reclaman a posta en marcha dun plan efectivo contra a contaminación que inclúa a consideración dos pellets como substancias contaminantes e tomar medidas estritas respecto ao control na súa manipulación, tratamento e envasado.

Ademais, a carta defende que no marco do convenio Marpol da Organización Marítima Internacional (OMI) se introduza unha modificación para asignar aos precursores plásticos en forma de pellet, escama ou po a categoría de mercadorías perigosas. Finalmente, a misiva insta a considerar o Corredor de Fisterra como zona altamente sensíbel por parte da OMI.
 

Comentarios