Varios conselleiros poderían converterse en secretarios executivos do PP sen abandonar antes a Xunta

O presidente da Xunta volveu insistir en que a súa sucesión como presidente do Goberno galego será "previsíbel", xa que segundo el, a súa intención é dar unha sensación de "estabilidade" no país.
Consello da Xunta desta quinta feira. (Foto: David Cabezón)
photo_camera Consello da Xunta desta quinta feira. (Foto: David Cabezón)

O aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, deu a entender na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta desta quinta feira que algúns membros do seu Executivo, nomeadamente algúns conselleiros, poderían ocupar cargos como secretarios executivos do Partido Popular (PP) a nivel estatal, sen delegar as súas funcións no seo do Goberno galego.

Para o próximo presidente estatal dos populares, "debe haber membros do Goberno galego que poidan asumir secretarías executivas a nivel estatal porque os coñezo moi ben e poden aportar moito á política" do Estado español.

Porén, Feixoo matizou que eses conselleiros non deberían delegar os seus cargos noutras persoas que se dediquen exclusivamente a eles, senón que é perfectamente "compatíbel" gobernar a Galiza e asumir competencias orgánicas no PP.

A pesar destas palabras, non quixo adiantar o nome de integrantes da Xunta que o poidan acompañar, coa mirada posta principalmente no vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen acompaña a Feixoo desde que asumiu a presidencia do PP na Galiza.

Sucesión "previsíbel" 

O presidente da Xunta volveu insistir en que a súa sucesión como presidente do Goberno galego será "previsíbel", xa que segundo el, a súa intención é dar unha sensación de "estabilidade" no país.

O nome do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, como sucesor inmediato de Feixoo, soa cada vez con máis forza, mesmo entre os propios cargos do PP. O presidente dos populares en Ourense, Manuel Baltar, afirmou que Rueda parte con "moitísima vantaxe".

Non ocorre o mesmo na presidencia do PP galego. Unha vez que Feixoo asinou na cuarta feira a súa renuncia como máximo dirixente dos populares na Galiza, ábrese cada vez máis a posibilidade de que se convoque un congreso para escoller o seguinte candidato ou candidata do Partido Popular nas eleccións galegas de 2024.

O propio Baltar deu a entender nunha entrevista en Onda Cero, recollida por Europa Press, que deben ser os afiliados do PP galego os que escollan o novo presidente da formación na Galiza, así como a persoa que encabece a candidatura para intentar manter o goberno da Xunta.

Comentarios