18-F | Crónica

Alfonso Rueda adianta as eleccións ao 18 de febreiro e a campaña será no Entroido: "É sorprendente, que procura o PP con isto?"

A Galiza irá ás urnas o vindeiro 18 de febreiro para escoller o Parlamento que elixirá cal será o Goberno galego. Unha data que Alfonso Rueda anunciou hoxe, apenas 48 horas despois ver a luz verde os Orzamentos para 2024. "Convoco as eleccións para que Galiza siga sendo como é", afirmou.
Rueda de prensa convocatoria de elecciones
photo_camera Alfonso Rueda fixo o anuncio da data electoral na súa comparecencia unha vez finalizado o Consello da Xunta (Foto: Arxina)

Xa hai data para as eleccións galegas: 18 de febreiro. Anunciouno esta quinta feira o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, na súa comparecencia após a reunión semanal do Goberno galego. A data anunciada polo presidente do Executivo galego implica que a campaña electoral decorrerá durante o Entroido.

Rueda informou da data das eleccións apenas 48 horas despois de aprobar o Parlamento galego os Orzamentos para 2024 co único apoio do PP. Antes de comparecer ante os medios de comunicación para facer o anuncio, segundo dixo, telefonou o presidente do PP español e ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e o lehendakari Iñigo Urkullu para comunicar a data e que "non a soubesen pola prensa". Quen si se tivo que decatar polos medios foi a oposición parlamentaria, á que o titular do Goberno galego non chamou para comunicar o día das votacións.

O adianto electoral dos comicios galegos era algo que se daba por dado desde había meses, o que faltaba por coñecer era o día. 18 de febreiro era, con 3 de marzo, unha das datas que soaban nos círculos políticos e mediáticos. "O futuro da Galiza vai decidise aquí, sen mediadores", afirmou esta quinta feira Rueda. "Somos unha illa de estabilidade que me comprometín a defender", acrecentou, para apuntar que convocaba as eleccións "para que Galiza siga sendo como é".

Rueda afronta os seus primeiros comicios como cabeza de lista do Partido Popular (42 de 75 cadeiras na Cámara galega). Unha cita coas urnas que xa ten confirmados os candidatos do BNG (19 escanos actualmente) e PSdeG (14), con Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro respectivamente. No aire está aínda o candidato do espazo ligado a Sumar e o calado da coalición. Si confirmaron que se presentan Democracia Ourensá, de Gonzalo Pérez Xácome, e Vox.

O presidente recoñeceu que nesta campaña haberá presenza de Feixoo e "Génova" [sede do PP estatal], ofreceu toda a súa colaboración. Mais apelou a que a campaña fose en "chave galega", algo que o PP considera que o beneficia, e de aí o lema de Feixoo en 2020: "Galicia, Galicia, Galicia".

"Sorprendente"

O analista e profesor de Ciencias Políticas da USC Antón Losada apunta a Nós Diario a súa sorpresa pola data escollida ao coincidir co Entroido. "Semella que teñen moita présa", afirma, e considera que as necesidades do PP a nivel estatal e de Núñez Feixoo influíron á hora de fixar o día das votacións. Para el, en todo caso, é un "erro", pois ao PP" até agora as eleccións na Galiza íanlle ben centrándoas na Galiza".

Para Losada, "hai xogo" para que gañe unha alternativa a Rueda e feche así 14 anos do PP na Xunta ("a urxencia coa que convocan pode ser un movemento para que evitar que calle máis esa opción") e reitera que o feito de que a campaña vaia decorrer paralela ao Entroido é "cando menos, sorprendente, Que procuran? Unha campaña de baixo perfil?".

A alternativa

O ensaísta e colaborador de Nós Diario David Rodríguez tamén ve certo "seguidismo" de Alfonso Rueda para convocar ao ronsel da estratexia de Núñez Feixoo en momentos nos que o Goberno de Pedro Sánchez pode estar "en complicacións". Para o escritor, o anuncio chega nun momento no que, entre as diferentes pezas da alternativa, "o BNG é o único que está preparado, o PSdeG está empezando a socializar o seu candidato" e Sumar e Podemos, sen candidatos o primeiro e sen saber se concorrerá ou non o segundo. 

Rodríguez, ademais, considera que unha das chaves para as eleccións vai ser até que punto o PSdeG "vai pór toda a carne no asador" de cara a estes comicios. Afirma que o espazo que representa "o nacionalismo, ou a esquerda galeguista ou como lle chamemos" "cumpre" á hora de se mobilizar e votar, e haberá que ver se o fai "a outra pata da alternativa". En todo caso, apunta que sería todo un "golpe de efecto", tamén na política estatal, que o PP perdese os comicios na Galiza, "territorio que sempre poñen como feudo do PP".


54 días para un cambio posíbel: Da disolución da Cámara ás votacións

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publica a vindeira terza feira, día 26 de decembro, o decreto de convocatoria de eleccións, activando así a conta atrás para a realización dos comicios. 54 días son os que por lei deben transcorrer desde a publicación do decreto até a data das votacións, que se fixaron para o 18 de febreiro. As coalicións electorais que queiran presentarse ás eleccións galegas do próximo 18 de febreiro terán de prazo até o 5 de xaneiro para rexistrarse, e a campaña electoral comezará o 2 de febreiro á medianoite. 

Así arrinca o reloxo electoral, de maneira que hai dez días para o rexistro de coalicións, é dicir, o 5 de xaneiro é a data límite para comunicar pactos de coalición ante a Xunta Electoral Central, segundo dita a Lei orgánica de réxime electoral xeneral. O 10 de xaneiro comeza o prazo para presentar candidaturas, o cal conclúe o 15 dese mesmo mes. O DOG e os boletíns oficiais provinciais publicarán as candidaturas o 17 de xaneiro e quedarán proclamadas o 22. Xa o 2 de febreiro comezará oficialmente a campaña electoral que desembocará na cita coas urnas o 18 de febreiro. O día anterior será a xornada de reflexión.

Nas anteriores eleccións galegas, 12 de xuño de 2020 e realizadas no marco da crise do coronavirus, a abstención elevouse a 41,%, a máis alta dos últimos anos (sen contar o voto de residentes no estranxeiro). Así, nunha xornada marcada polas altas temperaturas e polas medidas de seguridade sanitaria para evitar posíbeis contaxios de coronavirus, depositaron a súa papeleta case 1.300.000 galegos e galegas, o que supón unha participación de 58,88%.

Comentarios