Alcaldes de máis de 500 concellos cataláns ratifican en Barcelona o seu compromiso co referendo independentista

Comprométense a ceder espazos municipais para poder realizar a consulta. Fixérono nun acto convocado pola Associació de Municipis per la Independència (AMI) e a Associació Catalana de Municipis (ACM) que contou coa presenza do presidente da Generalitat, Carles Puigdemont. “Non retrocederemos perante o Estado”, afirmaron os rexedores nun documento.

alcaldes catalunya referendo
photo_camera Fotografía da AMC

Máis de 500 alcaldes ratificaron en Barcelona o seu compromiso co referendo independentista do vindeiro 1 de outubro, nun acto convocado pola Associació de Municipis per la Independència (AMI) e a Associació Catalana de Municipis (ACM). Rexedores e representantes municipais asinaron un manifesto no que se comprometen a ceder espazos municipais para que esa consulta poida realizarse.

O acto contou coa presenza do president e vicepresident da Generalitat, Carles Puigdemont e Oriol Junqueras,, a presidenta do Parlament, Carme Forcadell, consellers e deputados. Puigdemont agradeceu este compromiso e animou a sociedade catalá a non ter medo e manterse firmes na defensa do seu dereito a poder decidir. "Contra o Estado de medo, o Estado de esperanza e o Estado de dereito”, dixo.

Neus Lloveras, presidenta da AMI e alcaldesa de Vilanova i la Geltrú, advertiu ao Estado que non pensan “retroceder” e afirmou que “non hai nada máis revolucionario e transformador que poñer unha urna”.  Os rexedores advirten que embora as ameazas do goberno español, manterán o seu compromiso: “Se  sempre acatásemos a lei, hoxe en día as mulleres non poderiamos votar”

Comentarios