Procesan o alcalde de Baiona por retirarse a si mesmo cinco multas de aparcamento

O xuíz apunta que o alcalde tería asinado cinco resolucións distintas "acordando estimar as súas propias alegacións e arquivar todos os procedementos sancionadores por estacionamento indebido sen impoñerse a el mesmo ningún tipo de sanción".
Carlos Gómez Prado (PSdeG), alcalde de Baiona. (Foto: Concello de Baiona)
photo_camera Carlos Gómez Prado (PSdeG), alcalde de Baiona. (Foto: Concello de Baiona)

O Xulgado de Instrución número 2 de Vigo, tras concluír a investigación, vén de decretar que se continúe a tramitación do procedemento contra o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado (PSdeG-PSOE), por un delito continuado de prevaricación administrativa e de falsidade documental por simular supostamente ter unha licenza de estacionamento e retirarse a si mesmo cinco multas por aparcar nunha zona de carga e descarga.

Aliás, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), tamén ordenou que se siga a causa a respecto do axente da Policía Local investigado por un delito de falsidade documental. Desta forma, instou a que se lle dea traslado ao Ministerio Fiscal e, no seu caso, ás acusacións acudidas, para que formulen escrito de acusación solicitando a apertura do xuízo oral ou ben o sobresemento da causa, sen prexuízo de que poidan, excepcionalmente, solicitar a práctica de dilixencias complementarias que consideren imprescindíbeis para formular a acusación.

O xuíz explica que, tras as actuacións practicadas, despréndese indiciariamente que o alcalde de Baiona foi denunciado en cinco ocasións, entre o 30 de abril e o 9 de xuño de 2021, por axentes da Policía Local da localidade por estacionar un vehículo da súa titularidade "de forma indebida en zona de carga e descarga". Con motivo das anteriores denuncias, segundo o auto, tramitáronse os correspondentes expedientes sancionadores. O investigado, no trámite de alegacións, segundo explica o instrutor, recoñeceu ser o condutor do turismo e alegou que posuía unha licenza de aparcamento que o autorizaba a estacionar nesa zona, mais que eses días, segundo a súa versión, tíñaa colocada noutro vehículo da súa propiedade.

"A licenza de aparcamento achegada para xustificar o devandito estacionamento podería carecer dos elementos esenciais de validez —número de expediente administrativo, data e prazo de expedición, etc.— e podería simular unha real, podendo ser creada para ese trámite de alegacións, de maneira que inducise a erro sobre a súa autenticidade, e recibindo informe da secretaría do Concello de Baiona, esta sostén que non consta ningún procedemento administrativo nin ningún tipo de expediente relativo á expedición da devandita licenza", subliña o maxistrado no auto.

Tamén esgrime que esa licenza, "aparentemente simulada e carente de elementos necesarios para a súa validez", sería asinada tanto polo alcalde como polo axente investigado, que naqueles momentos era o Oficial Xefe de Servizo da Policía Local, "podendo cooperar, por tanto, ambos os dous na elaboración de dita suposta licenza".

Así as cousas, o xuíz afirma na resolución que todo parece indicar que, a pesar de que con carácter xeral adóitaselles requirir aos axentes policiais un informe de ratificación de todas as denuncias interpostas, neste caso "non se fixo en ningunha das cinco denuncias, substituíndose devandito trámite por un informe do axente investigado". A Unidade de Sancións de Tráfico da Deputación de Pontevedra, tras as alegacións presentadas polo alcalde, emitiu propostas de resolución no sentido de estimar as alegacións e o arquivo do procedemento.

O instrutor conclúe que o investigado, "con total desprezo ao deber de abstención que existía, ao concorrer nel a condición de denunciado e alcalde da localidade de Baiona", asinaría o 23 de agosto de 2021 cinco resolucións distintas "acordando estimar as súas propias alegacións e arquivar todos os procedementos sancionadores por estacionamento indebido sen impoñerse a el mesmo ningún tipo de sanción, séndolles tales resolucións notificadas ao seu propio domicilio en persoa, o 2 de setembro de 2021, e provocando, así, a finalización do procedemento". O auto non é firme, pois contra el cabe presentar recurso.

Comentarios