Polémica en Baiona: o PP considera unha "falta de respecto" o monólogo de Quico Cadaval en galego

Os populares, que nun primeiro intre cualificaron de "dialecto" a lingua do país, cren que o público asistente, "na gran maioría residentes de segunda vivenda en Baiona e procedentes de toda España", sentiuse "discriminado" por non facerse a actuación en castelán.
Quico Cadaval. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Quico Cadaval. (Foto: Nós Diario)

As redes sociais ferveron nas últimas horas após transcender unha nota de prensa que o PP de Baiona difundiu a través das súas redes sociais a respecto da actuación do humorista Quico Cadaval en galego na praza do Concello.

A formación conservadora cualificou de "falta de respecto" que a concellaría de Cultura "decidise que se fixese en galego e non castelán para permitir que os asistentes, unha gran maioría residentes de segunda vivenda na localidade procedentes de diferentes puntos de España, puidesen entendelo e non se sentisen discriminados".

Para o PP, noutras épocas do ano "si se pode optar polo noso idioma", mais cren que "non é de recibo que se faga en pleno verán", cando se produce unha "maior afluencia turística".

"[O monólogo] sempre se fixo en castelán como un xesto de cortesía cara aos visitantes, que acostuman acudir como público a estes eventos culturais", manifestaron desde esta formación.

Aliás, subliñan o "carácter acolledor" de Baiona, "até o punto de que conta cun importante número de segundas residencias de familias que, após visitar o municipio, decidiron mercar unha propiedade para regresar no verán".

Cómpre lembrar, aliás, que o texto foi modificado tempo despois de ser publicado na rede, dado que nun primeiro intre falaba da lingua propia do país como "dialecto".

"Para os populares, que entenden que noutra época do ano si se poida optar polo noso dialecto, non é de recibo que se faga en pleno verán, a época de maior afluencia turística", dicían inicialmente.

Comentarios