Monedero admite que o duelo Errejón-Iglesias é unha discusión “polo poder"

Agrávase a crise interna da esquerda estatal nas vésperas do 25S

As fendas no seo da esquerda e centro-esquerda estatal continúan a se aprofundar embora estexamos en período eleitoral. En Podemos xa ninguén discute que o debate é polo poder interno. No PSOE, os críticos -que defenden un acordo con Rajoy- conspiran para derrocar Pedro Sánchez a mesma noite do 25S.

Monedero
photo_camera Monedero, nun acto de Podemos

As fendas no seo da esquerda estatal -as que separan PSOE e Podemos- impediron despois do 20D que se formase unha maioría alternativa á liderada por Rajoy no Congreso, o que lle permitiu ao líder conservador sobreviver politicamente e concorrer ás urnas por segunda vez o 26X, co cal puido incrementar a súa conta de escanos.

Mais as fendas son até máis profundas no seo dos propios partidos. Quer Podemos quer PSOE son neste momento cenarios de feras loitas polo poder interno. No partido morado, o recente cruzamento de chíos entre os chefes de fila dos dous sectores en liza -Pablo Iglesias e Íñigo Errejón- mostrou que o disenso é moi fondo e atinxe xa non só a aspectos tácticos, senón mesmo estratéxicos, de concepción do proxecto político. No Partido Socialista, a cuestión central é a oposición dos sectores máis conservadores e españolistas a que Pedro Sánchez explore unha alternativa a Rajoy que directa ou tanxencialmente pase por un acordo cos soberanistas catalás.

Quer Podemos quer PSOE son neste momento cenarios de feras loitas polo poder interno

Na crise de Podemos interveu esta quinta feira un dos seus ideólogos e fundadores, Juan Carlos Monedero. En declaracións a El País, posiciónase claramente acarón de Pablo Iglesias e lanza cargas de profundidade ao sector errejonista, ao que cuestiona por ter aberto a polémica en twitter co secretario xeral do partido. “Esa discusión agora pode axudar a confundir o votante”, dixo. Para Monedero, a actitude de Errejón foi politicamente naif: “Expresarse nun tuit, aliás, foi infantil, como cando desapareceu dúas semanas tras unha discusión interna”, dixo en relación á longa ausencia do secretario político do partido após o cesamento de Sergio Pascual, secretario de Organización e home da súa máis directa confianza.

Monedero non ten reparos en admitir que “os debates internos” en Podemos non son apenas sobre a “liña” política, senón que tamén teñen a ver co “poder” dentro da organización. “Hai un debate que vai ter forza, igual que tivo no seu día dentro do PSOE, do PP, de ERC ou de IU. Son discusións ideolóxicas e ao mesmo tempo son discusións de poder”, afirma.

Mentres, no PSOE as espadas afíanse contra Sánchez nas vésperas do test eleitoral do 25S. Os sectores críticos liderados por Susana Díaz -aí aliñaríanse as federacións de Andalucía, Estremadura, Castela A Mancha, Aragón e Valencia- avalían mesmo a hipótese de forzar a renuncia do secretario xeral a mesma noite das eleccións galega e vasca se os resultados, como antecipan as enquisas, son desfavorábeis.

O sector de Díaz quer liquidar Sánchez para negociar imediatamente co PP unha abstención que viabilice a investidura de Rajoy e poña fin ao bloqueo político no Estado.

Mais Sánchez tamén se está a mover e a próxima segunda feira, xa cos resultados na man, a permanente da Executiva convocará Comité Federal para o 1 de Outubro. Non é menor o detalle de que o faga a comisión permanente -composta basicamente por fieis ao secretario xeral- e non a Executiva, cunha forte representación, arredor dun terzo, da xente de Susana Díaz.

PSOE e Podemos negocian un acordo de investidura que deixaría fóra o direito a decidir, segundo InfoLibre

O sector crítico teme que o Comité Federal non só non revise o NON a Rajoy, senón que convoque o Congreso socialista de forma inmediata para reforzar a posición do secretario xeral. Ninguén dubida que neste momento na base militante do partido a liña política de Sánchez -contraria a facilitar a investidura de Rajoy- goza de máis apoio do que a postura de Díaz favorábel a desbloquear a situación e viabilizar a permanencia do líder do PP na Moncloa.

E no meio destas fortes treboadas internas, Podemos e o PSOE de Sánchez negocian un hipotético acordo de investidura, segundo InfoLibre. Sobre a mesa hai por volta de 30 propostas programáticas para sustentar unha eventual entente. Entre eles, non figuraría o dereito a decidir. A axenda da negociación tomaría como base a proposta de alianza realizada após o 26 de xuño por Compromís.

A este respeito, cumpre lembrar que esta mesma semana o candidato de Pablo Iglesias para liderar a organización madrileña de Podemos, Ramón Espinar, afirmou na SER que prefería un acordo co PSOE -embora este incluíse Cs- antes do que ir a unhas terceiras eleccións.

Comentarios