Acordo PSdeG-BNG para o orzamento da Coruña, que priorizará os barrios

Ambas as dúas formacións defenden o investimento en servizos. As contas para 2024 ascenden a 375 millóns de euros.

inés rei e jorquera foto bng
photo_camera Inés Rei e Francisco Jorquera na sinatura do acordo (Foto: Nós Diario)

Os grupos municipais do PSOE e BNG alcanzaron un acordo sobre os orzamentos de 2024, que ascenderán a 375 millóns de euros e que priorizarán os barrios, segundo informaron en rolda de prensa a alcaldesa, Inés Rei e o portavoz nacionalista Francisco Jorquera, tras a sinatura do mesmo.

"Uns orzamentos que serán progresistas, necesarios para manter e ampliar o impulso que A Coruña colleu desde 2019", dixo a rexedora en relación á chegada da formación socialista ao Goberno municipal. Ademais, incidiu en que serán "progresitas" porque "buscarán apoiar ao que máis o necesita e mellorar a cidade en todos os seus barrios".

"E compensar históricos déficits", recalcou Inés Rei, que aludiu aos acordos para impulsar un plan de mellora e revitalización dos barrios, con actuacións como un plan director no Barrio das Flores ou unha nova biblioteca en Novo Mesoiro, citou, entre outras máis.

"Un acordo que inclúe a redacción do plan estratéxico Coruña 2025-2050; un novo plan de mobilidade urbana; aumentar recursos en servizos de axuda no fogar, así como das bolsas comedor", sinalou tamén.

Jorquera: “Son uns orzamentos sociais, comprometidos”

Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG, Francisco Jorquera, manifestou que é "un bo acordo", aínda que admitiu que se o BNG liderase o Goberno local "os orzamentos serían distintos, mais toda negociación implica buscar os puntos de encontro".

Ademais, destacou que se "incorporan gran parte das propostas formuladas polo BNG". "E, sobre todo, son uns bos orzamentos para A Coruña", engadiu Jorquera, quen asegurou que permitirán dotar a cidade duns "orzamentos sociais, comprometidos co reforzo" deste tipo de servizos, aos que sumou a "defensa do dereito á vivenda".

Ao fío diso, referiuse á promoción municipal de vivenda en aluguer ou o impulso á rehabilitación. Tamén, recalcou o "compromiso" co idioma galego e coa cultura ou outros acordos relativos ao "impulso da área metropolitana" e o "futuro do porto e a fachada marítima".

Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal do PP, Miguel Lorenzo, denunciou, nun comunicado, "falta de ambición" entre os socios do goberno municipal "porque o BNG anunciou 80 medidas e nós 600".

Comentarios