O Parlamento acorda investigar a fusión e bancarización das caixas

Ana Pontón ensina no parlamento unha foto de Feixoo celebrando con directivos das caixas a súa fusión (Foto: Nós Diario)
Esta lexislatura contará tamén cunha comisión de investigación sobre a fusión, bancarización e venda das caixas de aforros galegos. É a terceira vez que se crea e desde a oposición pediron ao PP que non a volva "secuestrar" e facer fracasar e que permita que se esclareza o "fiasco" dunha fusión avalada por Núñez Feixoo. 

O Parlamento galego aprobou por unanimidade nesta terza feira, 20 de outubro, crear unha comisión de investigación para analizar a evolución económico-financeira das antigas caixas de aforros e as causas e responsabilidades da súa transformación en bancos, "incluíndo as indemnizacións millonarias dos seus ex directivos, co obxecto de rematar os traballos realizados na IX lexislatura e retomados sen conclusión na X lexislatura". Así reza a solicitude de creación da comisión que xuntou as propostas presentadas polo PP e BNG e que tamén contou co apoio do PSdeG. 

A pesar da coincidencia na votación, o debate foi duro e tenso. A portavoz do nacional do BNG e líder da oposición na Galiza, Ana Pontón, foi taxativa ao esixir ao PP que permita coñecer a verdade sobre o proceso que "empezou coa fusión das caixas e terminou coa liquidación do sistema financeiro do país na maior estafa colectiva a Galiza cun custo de 9.000 millóns de euros".

Para iso, sinalou a nacionalista, "é para o que ten que servir a comisión de investigación, que debe concluír os traballos iniciados por comisións precedentes que foron sistematicamente bloqueados pola maioría do PP". Nese sentido, Pontón reclamou aos de Núñez Feixoo que non volvan cometer a “fraude” de dar luz verde a unha comisión de investigación para despois "secuestrala".

A ese respecto, o vice portavoz do PSdeG, Pablo Arangüena, tamén exhortou a bancada popular a que “permita que o órgano desenvolva o seu traballo e non sexa un paripé e un simulacro para enganar a cidadanía”. O socialista aludiu así á petición de reactivación desta comisión logo de que a Audiencia Nacional sinalase recentemente que Caixanova estaba saneada e fora forzada a fusionarse cunha Caixa Galicia con serios problemas.

É de "vergoña", argumentou pola súa banda Pontón, que "dez anos despois da fusión das caixas, nove anos despois da nacionalización polo FROB e sete após a súa venda a un banco venezolano teñamos que seguir traendo a debate a creación da comisión de investigación para saber a verdade”. 

Para o BNG, a comisión ten que dar explicacións para esclarecer "por que se arruinaron as caixas, por que fracasou a fusión, por que blindaron os directivos para cobrar unhas indemnizacións que a xustiza declarou ilegais, e saber a verdade de por que o Goberno de Mariano Raxoi fixo unha venda ruinosa na que perdemos máis de 9.000 millóns para que as nosas caixas acabasen nas mans dun empresario venezolano".

Alías, Pontón enumerou outras respostas que espera que a comisión dea: "determinar os responsábeis da perda das caixas e do patrimonio cultural das entidades, do actual espolio do aforro galego, do nivel de concentración bancaria que dificulta o acceso ao crédito ao tecido produtivo do país ou permite comisións bancarias abusivas".

O PP "acababa de chegar"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ausentouse do debate (si acudiu á votación) e foi Pedro Puy, portavoz parlamentar do PP, quen tomou a palabra despois de Pontón. Puy repasou os antecedentes da crise económica e como apenas "un mes e medio despois" de que Feixoo gañase as eleccións comezou unha reestruturación "moi fonda" do sistema financeiro, incluídas as caixas galegas, nas que, afirmou, o obxectivo era manter "a galeguidade e non perder os centros de dirección", como se aprobou no Parlamento pero que logo recorreu o Tribunal Constitucional.

E precisamente sobre os distintos apoios á fusión das caixas produciuse un confronto na Cámara. E é que aquela proposta lexislativa fora impulsada polo BNG e inicialmente contara co apoio das tres forzas políticas, pero o PSdeG non acabou votando a normativa. 

“Nada do que pasou desde o estalido da crise é neutro, hai ideoloxía nas decisións que se adoptaron e impulsaron a concentración bancaria, a centralización do poder financeiro e o proceso de privatización das caixas. Só hai que ver as leis que aprobaron PP e PSOE, que mesmo permitiron blindar a presenza dos ex directivos nas caixas para pilotar o proceso de fusión que culminou en fiasco, non sen que antes se adxudicaran indemnizacións millonarias”, espetou Pontón.

A ese respecto, Pablo Arangüena acusou o BNG de ser "o parvo útil" do PP no proceso de fusión e de ter "conselleiros" nas caixas, ao que Pontón replicou que era o PSdeG quen tiña representación nas direccións, citando expresamente Mar Barcón (ex deputada e ex edil da Coruña) e Salvador Moreda (ex presidente da Deputación da Coruña). 

Arangüena puxo énfase en que se tratou dunha fusión “desastrosa apadriñada por Feixoo”, cando o alcalde de Vigo xa dicía que se trataba dun “engano” e ao que o PSdeG amosaba “enormes reparos” a pesar dunha “suposta auditoría que logo soubemos que nin era auditoría nin avalaba nada" e que o PP empregou de coartada. 

"Unha imaxe vale máis que mil palabras"

“Din que unha imaxe vale máis que mil palabras e nesta foto vemos o ex director xeral e o ex presidente de Caixa Galicia, o ex presidente de Caixanova e o ex director de Caixa Vigo. No medio, Alberto Núñez Feixoo brindando pola fusión das caixas en maio de 2010”, relatou desde o atril Ana Pontón, sinalando que tamén ao presidente galego había que investigar polo seu papel na bancarización e venda das caixas.

“Se Feixoo tivese a conciencia tranquila non tería obstaculizado a investigación parlamentar, porque só quen ten algo que ocultar impide que se investigue”, dixo a nacionalista.

Sobre as imaxes tamén falou Pablo Arangüena, que apelou a fotos de Feixoo con "delincuentes de luva branca", co "ex directivo de Pemex detido" ao que Feixoo "apadriñara", e "con ese outro amigo seu, menos de luva branca pero que traficaba cunha substancia branca", dixo en referencia ao narco Marcial Dorado. "Hai quen entende que é un deporte de alto risco facerse fotos con Feixoo", sinalou Arangüena.